Queres conseguir praza de celador do Sergas?

A proporción nos exames desta fin de semana en Silleda é de 11.000 persoas para 390 prazas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/03/2019 | Actualizada ás 11:59

Comparte esta noticia

Un total de 10.892 aspirantes están citados este fin de semana, 9 e 10 de marzo, no Recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda (Pontevedra), para presentarse aos exames da Oferta Pública de Emprego do Servizo Galego de Saúde (Sergas) na categoría de celador, para cubrir 390 prazas.

Tal como sinalou a Xunta nun comunicado, do total das prazas ofertadas, 144 son de acceso libre; 195 pertencen a promoción interna; 21, a discapacidade en xeral, e 30, a discapacidade intelectual, ás cales se presentan 218 persoas.

As xornadas iniciaranse co exame dos aspirantes con discapacidade intelectual, que están convocados este sábado ás 10,00 horas, para a realización do primeiro exercicio da parte específica.

"Este é o primeiro proceso selectivo no que se habilitou unha quenda de acceso diferenciado para as persoas con discapacidade intelectual, coas pertinentes adaptacións de temarios e tempo de realización das probas que permiten a concorrencia destes aspirantes en condicións de igualdade ao emprego público, facilitando así a súa integración laboral", asegurou o Executivo galego.

O domingo, 10 de marzo, ás 15,30 horas, examinaranse os aspirantes de acceso libre, promoción interna e discapacidade xeral, que realizarán todos os exercicios que integran a fase de oposición.

Como en anteriores procesos selectivos, "para dar cumprimento ás esixencias de obxectividade e imparcialidade", a Xunta lembrou que se reforzarán as medidas de seguridade coa posta a disposición dos tribunais dunha plataforma securizada para a elaboración de cada un dos exercicios da fase de oposición.

Estudantes en exames de oposicións. XUNTA
Estudantes en exames de oposicións. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta