A prensa tradicional potencia os estereotipos sexistas e mantén relegadas ás mulleres

Un estudo alerta de que se ben houbo unha maior visibilización da muller nos medios nos últimos anos, aumentou a presenza e transmisión dos estereotipos sexistas. As mulleres seguen relegadas como xornalistas e como fonte de información.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 09/03/2019 | Actualizada ás 21:32

Comparte esta noticia

Mulleres de todo o mundo manifestáronse este 8 de marzo para esixir unha igualdade real e efectiva e o fin da violencia machista. As frontes para acadar a igualdade entre mulleres e homes son moitas, unha delas tan importante como a dos medios de comunicación, onde se manteñen os estereotipos femininos e a figura da muller segue relegada a un segundo plano, tanto como produtora como protagonista das historias. Así o constata un estudo asinado pola profesora Berta García Orosa, da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, e Santiago Gallur Santorun, da Universidad Autónoma de Ciudad Juárez (México).

Xornalistas en folga o 8 de marzo, Día Internacional da Muller
Xornalistas en folga o 8 de marzo, Día Internacional da Muller | Fonte: Miguel Núñez.

A presenza da muller nos medios dixitais incrementouse considerablemente nos últimos anos, pero aumentou ao mesmo tempo a presenza dun perfil estereotipado da figura feminina. Esta é a principal conclusión do estudo.

O obxectivo da investigación foi a análise da presenza da muller nas novas de todas as seccións de cinco diarios dixitais vinculados a empresas xornalísticas tradicionais en Europa: El País (España), The Times (Reino Unido); Le Monde (Francia); Jornal de Notícias (Portugal) e Corriere della Sera (Italia), dos que analizaron cuantitativamente 1.688 novas a través de 24 categorías que tentan abarcar non só o discurso, senón tamén a produción da información desde o feito informativo, autores, actores, fontes, etc., ata a edición e a linguaxe.

Os resultados indican unha maior visibilización da muller nas novas e un perfil estereotipado da figura feminina. En concreto, detectáronse tres grandes vías que manteñen a figura da muller relegada a un determinado rol nos medios: por un lado, non adoitan ser autoras das novas; por outro, adoitan ser fontes secundarias nas información, e finalmente, na produción e discurso da información prímanse mulleres con situacións desfavorables, potenciando roles e estereotipos tradicionalmente femininos.

Deste xeito, apuntan os autores, “considérase que a muller figuraría máis veces como fonte, como orixe e como actante da información, pero maioritariamente vinculada a roles tradicionalmente femininos. Así, unha aparente maior visibilización da muller significa no fondo unha maior presenza e transmisión dos estereotipos tradicionais”.

Como dato positivo, nas 1.688 novas analizadas soamente en seis se utilizou unha linguaxe claramente sexista, sendo The Times o que lidera este uso, con catro novas. Pero ao variar lixeiramente a categoría de análise observouse que son Corriere della Sera, Jornal de Notícias e El País os que publican maior número de novas caracterizadas pola referencia ás mulleres utilizando estereotipos sexistas directos ou indirectos. E non foron poucas: 408 no xornal italiano, 284) no portugués e 108 no español.

En liñas xerais, “a investigación indica unha tendencia nos medios europeos cara á presenza da muller nas noticias e a exclusión de linguaxe explicitamente sexista ou discriminatoria rexistrada en investigacións anteriores”, explican os autores.

Con todo, unha análise máis detallada permite debuxar o “retrato-robot” da muller que participa maioritariamente na produción e no discurso das pezas informativas. E, “con excepcións, trátase dunha muller que en poucas ocasións asume a responsabilidade da elaboración do discurso (nin como autora nin como fonte principal), senón que participa como fonte complementaria ou como protagonista pasiva dunha situación conflitiva ou problemática”, apúntase.

Esta participación e presenza nos medios de comunicación da muller está directamente vinculada coa súa situación na vida real. Así, segundo o estudo, “prímanse fontes e protagonistas que son vítimas do feito narrado e/ou teñen situacións socioeconómicas desfavorables”.

Os resultados publícanse no estudo ‘La presencia de la mujer en las informaciones de los cibermedios europeos de España, Italia, Gran Bretaña, Portugal y Francia’.

Estes resultados son coincidentes co informe ‘Proxecto de Vixilancia Global de Medios  GMMP’ para examinar a visibilidade, a voz e a mención das mulleres e os homes nos medios de información. Nese informe saliéntase a existencia dun “sexismo que resistiu ao longo de décadas e a través de fronteiras xeográficas, adaptándose aos novos tipos de medios de comunicación e prosperando en todos os espazos nos que se produce e comparte contido de noticias”.

CAMPAÑA DO COLEXIO DE XORNALISTAS

O Colexio de Xornalistas puxo en marcha nos últimos días, nas redes sociais, a campaña #VisibleseReais, coa que reclama aumentar a presenza das mulleres no espazo mediático

Insta a profesionais e responsables das empresas xornalísticas a aparcar dunha vez por todas os estereotipos de xénero e a reflectir unha imaxe real e equilibrada das mulleres en informacións, programas e, tamén, nos espazos de debate ou de entretemento.

Segundo o Colexio, "a presenza da muller é insuficiente e segue, en demasiados casos, ligada a clixés sexistas". Afirmación que fai en base a cifras de organismos internacionais e de organizacións profesionais que constatan a persistencia de eivas e fendas de xénero nos medios.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta