Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 09/03/2019 | Actualizada ás 19:31
Podemos, EU e Anova insistiron este sábado en pedir ao portavoz de En Marea, Luís Villares, "altura de miras e audacia" para crear unha "gran coalición que faga fronte ao bloque reaccionario que anuncia o fascismo", a só unhas horas de que este domingo o partido instrumental conclúa as votacións das súas primarias para as eleccións xerais.
Así o sinalaron os deputados galegos Yolanda Díaz ( EU), Miguel Anxo Fernán-Vello (Anova) e Antón Gómez-Reino (Podemos), quen fixo un chamamento "directo e expreso" a Villares para formar unha "fronte ampla" de esquerdas.
"Ante esta conxuntura política é necesaria unha aposta pola unidade das esquerdas, xa que compartimos un mínimo común denominador, como a defensa das clases subalternas e do pobo agredido", destacou Fernán-Vello, quen engadiu que a esquerda "ten que estar á altura das circunstancias" polo que pediu a Villares que "tome partido" e que "se decida claramente".
Ademais, asegurou que a cidadanía galega "apoia esta opción" para "desaloxar ao PP". "Seriamos incoherentes e atentariamos contra nós mesmos", sentenciou.
Neste sentido tamén falou Yolanda Díaz, quen destacou que "a fortaleza se mostra na unidade", pero reprochou que "quen queira colocarse na fila da debilidade e a derrota, que se coloque".
"Nós saímos a gañar nun traballo colectivo no que levamos sumando forzas desde 2012 coa creación da Alternativa Galega de Esquerdas. Imos concorrer coa man tendida, de unidade, polo que facemos un chamamento a incrementar esa unidade, tamén para o partido que lidera Luís Villares", indicou Díaz.
Palabras similares dixo Antón Gómez-Reino, quen manifestou o seu desexo de que "ninguén rompa o espazo de unidade".
"Todos os actores que construíron a confluencia do ano 2015 e 2016 estamos no espazo de construción dunha candidatura de unidade de fronte ao 28 de abril", indicou Gómez-Reino, polo que reprochou que "quen queira manterse fóra, é a súa responsabilidade", referíndose a Luís Villares.
PRIMARIAS EN MAREA
Con todo, este domingo, día 10 de marzo, ás 23,59 horas pechará o prazo de votación das primeiras de En Marea para as eleccións xerais do 28 de abril.
Así, este luns, día 11, proclamaranse os resultados provisionais destas votacións, mentres que as listas definitivas se coñecerán o vindeiro mércores 13.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.