Por Galicia Confidencial | Santiago | 02/11/2011 | Actualizada ás 11:20
O proxecto de escola "popular" Semente comezou xa a funcionar en Santiago coa "intençom de oferecer um espaço educativo em galego baseado numha pedagogia crítica".
“Pensamos que era necesaria unha escola que orbite arredor da Galiza e ademais en galego. Fixemos un estudo de mercado e tivemos a sorte de que aparecera este local con máis de cen metros de aulas e outro tanto de horta", explicaron os promotores na iniciativa nunha información do GC.
A Semente estará aberta de 8 da mañá a 8 da tarde, traballando como centro educativo polas mañás e como ludoteca polas tardes para cativos de 2 a 6 anos. A ludoteca ofertará tamén diversos obradoiros para nenos e nenas de 6 a 12 anos. "Nos fins de semana também haverá atividades para pequen@s e grandes começando este mês de novembro con obradoiros para mais e pais", explican dende Semente.
Aínda que o idioma da Escola será o galego tamén contarán con material noutras idiomas. “Os cativos terán oportunidade de coñecer outras linguas porque teremos libros en catalán ou éuscaro, non pechamos as portas a visión internacional da lingua”, sinala Marcos Lopes, un dos promotores.
Lopes é membro da Gentalha do Pichel, centro social que apoia o traballo de Semente. Máis información na web desta escola.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.