Publicado o decreto que regula as condicións de consumo da caza maior silvestre

Buscan regular a comercialización da caza maior silvestre abatida no territorio galego. Coa publicación deste proxecto de decreto, iníciase o prazo de envío de suxestións que acabará o próximo 1 de abril.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/03/2019 | Actualizada ás 18:06

Comparte esta noticia

A Xunta publicou este luns no Portal de Transparencia o proxecto de decreto para regular as condicións do consumo de carne de caza maior silvestre para garantir a súa "idoneidade" sanitaria.

O obxectivo, segundo explica a Consellería de Sanidade a través dun comunicado, é facilitar o consumo da carne destas especies e "minimizar o posible risco de transmisión de enfermidades ás persoas a través do consumo".

Os organismos responsables desta normativa son as consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; Medio Rural; e Sanidade. Tamén buscan regular a comercialización da caza maior silvestre abatida no territorio galego. Coa publicación deste proxecto de decreto, iníciase o prazo de envío de suxestións que terminará o próximo 1 de abril.

REQUISITOS PARA A SUBMINISTRACIÓN DE CARNE

De forma máis concreta, o texto establece os requisitos para a subministración de pequenas cantidades de carne fresca de caza maior silvestre directa por parte do cazador ao consumidor final e aos establecementos de restauración.

Ademais, recolle as normas para os locais intermedios de faenado destas pezas de caza silvestre destinados á subministración directa e como debe realizarse o transporte das pezas desde o lugar de caza, é dicir, os requisitos hixiénicos e sanitarios. Así mesmo, a normativa reflicte as condicións para a inspección veterinaria no local intermedio de faenado de caza maior silvestre e do destino destas pezas de caza maior.

AUMENTO DE ESPECIES CINEXÉTICAS

A Consellería de Sanidade asegura que o número das poboacións das especies cinexéticas, "sobre todo de caza maior silvestre", aumentou " de forma considerable" no territorio galego. Deste xeito, a situación fai posible o fomento e a promoción da comercialización da carne de caza e doutros produtos derivados da mesma.

Ademais, a caza tamén permite "exercer unha presión de control de determinadas poboacións", así como diminuír os danos e os conflitos que xeran á agricultura, a gandaría, a seguridade viaria e os bens das persoas. Así mesmo, permite reverter no territorio ao contribuír na mellora dos recursos económicos do mundo rural.

Doutra banda, a Xunta afirma que o incremento de especies cinexéticas como o xabaril tamén aumentou a probabilidade de contacto cos animais domésticos. Por tanto, a difusión de determinadas enfermidades nos animais silvestres obxecto de caza "fai necesario intensificar as medidas de inspección e control" das pezas de caza silvestre. O obxectivo é "garantir a seguridade dos consumidores" e coñecer o estado sanitario da fauna salvaxe, polas súas implicacións na saúde dos animais domésticos e na actividade gandeira.

Can de caza. OFICINA NACIONAL DE CAZA - Arquivo
Can de caza. OFICINA NACIONAL DE CAZA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta