Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/03/2019 | Actualizada ás 12:10
O Consello da Cultura Galega presentará este xoves a táboa periódica en galego con motivo da celebración este 2019 dos 150 anos da súa publicación por Dimitri Mendeleev. Desta táboa periódica editáronse 13.000 exemplares en diferentes formatos, que serán repartidos en colexios e sociedades científicas.
A xornada 'O ano internacional do sistema periódico: reflexións desde Galicia' estará coordinada por Manuel Bermejo, Ana González e Marcelino Maneiro, nunha cita á que tamén acudirá a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
No evento, están previstos diversos relatorios nunha xornada divulgativa desde diferentes perspectivas: falarase da música dos elementos químicos, abordarase desde unha perspectiva de xénero e lembrarase o traballo de científicos pioneiros galegos como Antonio Casares ou Tomás Batuecas.
Manuel Bermejo apunta que "a intención desta xornada é facer unha reflexión desde Galicia dun feito tan importante para a sociedade como foi a publicación hai 150 anos da táboa periódica de Dimitri Mendeleev". "Por primeira vez ordenábanse os 63 elementos químicos que eran coñecidos e permitiulle a Mendeleev darse conta de que a táboa era periódica, é dicir, que estaban colocados de tal modo que tiñan periodicidade no seu comportamento e as súas propiedades", explica.
Nesta xornada tamén se presentará a 'Guía dos elementos químicos', de Ana González Noya, Manolo Bermejo e Marcelino Maneiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.