#metooFisio, a chamada ao respecto dos profesionais da fisioterapia

Estrella Pallín Tato é fisioterapeuta e forma parte da Xunta Directiva do Colexio Profesional de Fisioterapeutas de Galicia. En febreiro realizaron unha enquisa sobre agresións a persoas deste colectivo profesional. Os datos din que o 70% dos profesionais sufriton algún tipo de acoso ou agresión.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/03/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

-Que vos animou desde o colectivo de fisioterapeutas e do Colexio de Fisioterapeutas de Galicia, levar adiante esta campaña #metooFisio?
Quixemos continuar co movemento de visibilización doutra profesión nos EE UU, o #metoo. A persoa que o iniciou en Galicia, considerou que era necesario visibilizar todos estes problemas que afectan a moitas fisioterapeutas.

Respecta o meu traballo
Respecta o meu traballo | Fonte: Colexio Profesional de Fisioterapeutas de Galicia

-Realizastes un estudo sobre os problemas que afrontan as traballadoras de fisioterapia. Que resultados ofreceu?

Sobre todo agresións verbais e físicas, tamén comentarios erotizados porque esta profesión está moi sexualizada desde hai moito tempo. Comportamentos machistas en xeral con todo o dano que lles produce ás persoas que o sofren.

-As agresións verbais que recollestes no voso estudo a que fan referencia?
Hai testemuños de agresións como preguntar nunha clínica se “aquí fan final feliz?” , facer referencias como “que noviña e guapa es”. Cando acabas a carreira  caes na conta que os usuarios moitas veces fan comentarios como “que sorte teño con esta fisio, que guapa e que nova é” ou “vanme pasar todos os males con esta moza tan nova”.

-Recollestes tamén testemuños de agresións físicas?
En menor medida, temos un 2´3% de agresións físicas. Fixemos unha enquisa en febreiro e o que máis hai é agresión verbal. Os testemuños sobre as agresións físicas son contactos físicos non desexados por parte do paciente, nin son necesarios e están fóra de lugar.

Un fisioterapeuta nunha sesión de fisioterapia
Un fisioterapeuta nunha sesión de fisioterapia | Fonte: acostat.es

-Apuntaches antes que esta profesión está moi sexualizada. Descríbe este aspecto.
Falamos de toda a sociedade en xeral. En serires de TV ou filmes onde se trata sempre o fisioterapeuta como un masaxista erotizado. Isto é, que o cliente disfruta cunha finalidade máis alá do obxectivo que ten a fisioterapia. Esta visión témola tratada en reunións de traballo e cursos. Tamén direi que moitos usuarios de fisioterapia non senten esta visión, mais aínda dentro da sociedade a relación de fisioterapia, masaxe e “final feliz” está moi ligada por desgraza.

-Se as persoas que entran nunha clínica de fisioterapia saben onde están, nun lugar onde traballan profesionais da saúde, por que piden algo que está fóra deste ámbito?
Pois certamente é o que nos chama a atención, por iso queremos visibilizalo, porque sucesos como estes acaban sendo normalizados dentro da sociedade, cóntalo a persoas coñecidas e de confianza e non parecen acreditar no sucedido. Moitas veces veste perdida, de aí que queiramos formar os profesionais e saberen actuar en  momentos así e sobre todo, que non volvan acontecer.

-Entendemos entón que tedes protocolos de actuación.
Si, no noso blog https://nestecontosocabeunfinal.wordpress.com/, temos unha serie de elementos tanto educativos, follas voandeiras para repartir, colantes e podcasts para que a xente os poda baixar e poder escoitar testemuños reais e como afrontar situacións semellantes. Tamén hai unha serie de recursos legais que ofrecemos desde o Colexio de Fisioterapia de Galicia para profesionais que sufren agresións verbais ou físicas e de calquera tipo no seu traballo.

-Os índices de profesionais vítimas de agresión dentro do seu traballo, segundo o voso blog é sete de cada dez persoas. Un índice moi alto.
Si, fixemos unha enquisa no mes de febreiro de 2019 e a mosta representativa que confirma ese dato, un 70% de persoas afectadas, que non hai casos aillados. Independentemente do grao de intensidade de calquera agresión, consideramos que todas deben ser visibilizadas. Esta porcentaxe tan elevada xa nos pareceu razón dabondo para poñer en marcha esta campaña.

-Os datos que ofrece o voso estudo inclúe homes e mulleres fisioterapeutas por igual?
Si, aos dous. Non obstante, a problemática afecta máis ás mulleres mais o colectivo masculino da profesión tamén ten sufrido agresións aínda que os datos apuntan un número menor. Debemos dicir que no estudo non fixemos discriminación entre sexos sobre quen acosa máis, homes ou mulleres. O que si din os datos é que son as mulleres quen máis padecen agresións, maioritariamente por pacientes e logo por compañeiros de traballo e superiores.

-A porcentaxe de agresión ou acoso por parte de colegas de traballo ou superiores, é menor?
Si, neses casos a porcentaxe é menor. Sobre casos de mobbing que acabasen en despedimento ou no xulgado, non temos testemuños nin orais nin escritos. Cando comezou a campaña apareceron comentarios de compañeiros e compañeiras que logo non quixeron ir máis aló. No Colexio non temos rexistrado ningún caso.

-Ides facer algunha outra campaña que axude ou reforce a que está en marcha?
En principio esta campaña polo de agora. Logo analizaremos os resultados. Imos facer tamén xornadas de formación en centros educativos universitarios ou dirixidos ao alumnado de fisioterapia. E logo darlle continuidade, que non quede nun día ou unha semana por ano, senón un traballo constante sobre a visibilización dos fisioterapeutas.

-En que momento está a fisioterapia en Galicia?
A fisioterapia en Galicia ten un momento de desenvolvemento profesional e científico moi bo, moi grande, moi bo que temos que aproveitar. Debemos facer que a parte profesional vaia en consonancia coa sociedade para que exista un respeto á profesión. Por outra parte podemos dicir que os usuarios de fisioterapia valoran moito o traballo desta actividade profesional, por iso cremos importante eliminar calquera tipo de discriminación sobre os profesionais, que é un traballo dirixido a mellorar a túa calidade de vida, volver ás túas tarefas diarias cando non podías facelo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta