A Xunta defende a difusión de material escolar sobre minaría e En Marea acúsaa de "adoutrinamento"

O partido de Villares critica o Goberno por darlle espazo nas aulas a un "lobby empresarial" que oculta "unha realidade depredatoria" sobre a que se ten manifestado a cidadanía. Francisco Conde apóiase na "legalidade" do sector, así como na súa taxa de emprego, para xustificar esta iniciativa

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/03/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, xustificou a difusión de material educativo sobre minaría nos colexios, porque se trata dun sector "legal" que "crea emprego" e "produce riqueza". Pola contra, En Marea acusouno de tentar "adoutrinar" os estudantes para dar resposta a un "lobby empresarial" que oculta "unha realidade depredatoria".

No transcurso do pleno no Parlamento galego, Conde saíu en defensa dun sector que crea "11.000 empregos en Galicia" e instou á deputada de En Marea, Luca Chao, a "abandonar argumentos simplistas" e "sorprendentes" que demostran que "descoñece a realidade do sector mineiro".

En Marea fíxose eco das críticas da Rede contra a minaría destrutiva de Galicia, que denunciou que o 12 de febreiro se realizou na Cidade da Cultura un acto que atribúe ao 'lobby' da minaría. Neste evento, organizado pola Cámara Oficial Mineira de Galicia, presentouse un 'kit' de materiais, "supostamente educativos destinados a Infantil, Primaria e Secundaria".

A documentación, segundo Luca Chao, incluía información "falaz" e "inexactitudes", no que definiu como unha "vergoña educativa", ao demostrarse que "non hai tempo nas escolas para contidos de educación sexual" pero si "para o adoutrinamiento" sobre o sector mineiro.

Francisco Conde, conselleiro de Economía, Emprego e Industria
Francisco Conde, conselleiro de Economía, Emprego e Industria

"AVERGOÑARSE" OU NON AVERGOÑARSE

Porén, Conde, iniciou a súa exposición manifestando que a intervención de Chao era "unha tristeza". Criticou que para En Marea "as máis de 11.000 persoas que traballan na minaría en Galicia deben avergoñase, os alumnos que estudan as carreiras vinculadas á minaría teñen que avergoñarse, e os colexios que na súa autonomía educativa queren informar da minaría deben avergoñarse por dar a coñecer actividade que sempre estivo presente".

"Os nosos antepasados eran gandeiros, agricultores e tamén mineiros", remarcou Conde. Rexeitou que as "fillas" de profesionais da minaría -como a muller que se reflicte no cómic que forma parte do material educativo- se teñan que ver na tesitura de "avergoñarse" , coma o farían se atendesen os argumentos de En Marea, segundo criticou o conselleiro.

A continuación, cargou contra o partido instrumental ao afirmar que "se o seu grupo quere pechar a minaría, que o diga abertamente; pero terían que imaxinar un mundo distinto, unha vida sen electricidade, sen vivendas, sen coches, seguro que vostede non o sabe".

A deputada de En Marea viu nesta resposta unha demostración de que "quen se ten que avergoñar" sería o propio Francisco Conde "por defender intereses privados" e permitir que "a Xunta poña a disposición os seus centros escolares para un lobby empresarial". Está ignorando, di, a "indignación" das Anpas ou o "clamor da cidadanía" por unha transición ecolóxica.

Fronte a isto, Conde teimou en reivindicar a "legalidade" da actividade mineira en Galicia, "regulada por unha lei" e "compatible" co "medioambiente e a creación de postos de emprego e riqueza". Para concluír, puntualizou que os profesores son "libres" para decidir sobre a información que ofrecen aos seus alumnos. "Só faltaría agora que En Marea se opoña a que os nenos formen as súas propias ideas", ironizou Conde.  "En Marea non apoiará ao sector da minaría pero este goberno si o fará e seguirá traballando para dignificala", rematou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta