Ana Miranda condena a "actitude antidemocrática" do presidente da Eurocámara

Denuncia que se permita "branquear o fascismo".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/03/2019 | Actualizada ás 14:59

Comparte esta noticia

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, censurou que o eurodeputado alemán Rainer Wiland --mentres exercía as funcións de presidente do Parlamento europeo-- "cortase" a quenda de palabras solicitadas ao comezo das votacións do pleno para rexeitar as declaracións nas que Antonio Tajani afirmou que o ditador italiano Benito Mussolini "fixo cousas positivas".

"Atopámonos cunha situación antidemocrática que afectou a varias eurodeputadas e eurodeputados cando quixemos facer uso da nosa quenda de palabra. É intolerable", denunciou a dirixente do Bloque nun comunicado remitido aos medios.

Para o BNG "non só é grave que se contraveña o espírito da Unión Europea ao tratar de branquear o fascismo, senón tamén polo incumprimento da resolución contra o avance do fascismo en Europa".

Conforme lembrou Ana Miranda, ela mesma foi relatora desta resolución aprobada o pasado 25 de outubro do mesmo xeito que a eurodeputada italiana Eleonora Forenza, á que tamén se lle retirou a quenda de palabra.

A eurodeputada do Bloque considera que Tajani non é o exemplo de "presidente democrático, xusto e ecuánime que debería ser", tanto no que respecta ás súas manifestacións como no tocante ás decisións arbitrarias de permitir uns actos, en concreto da extrema dereita española o pasado 6 de marzo, e prohibir outros.

Ana Miranda (BNG). BNG
Ana Miranda (BNG). BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta