A Xunta estuda prohibir tamén a escolarización dos nenos que non estean vacinados na educación obrigatoria

O Goberno galego aprobará xa esta medida no tramo non obrigatorio da educación, de 0 a 3 anos, para o vindeiro curso que será de obrigado cumprimento para os centros públicos e concertados. Anuncia que recomendará aos centros privados que tamén implanten esta medida.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 14/03/2019 | Actualizada ás 15:19

Comparte esta noticia

A Xunta decidiu, finalmente, poñer en marcha unha medida que levaba algún tempo anunciando; a obrigatoriedade de que os nenos que accedan á primeira escolarización en centros públicos e concertados, de 0 a 3 anos, estean vacinados. E, senón é así, non poderán acceder a ningunha praza.

Neno vacinado
Neno vacinado

Foi o contundente anuncio feito este luns polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que deixou claro que os pais que non presenten a cartilla de vacinación correspondente dos seus fillos quedarán sen matrícula. Unha medida, dixo, que se adoptou logo de que os servizos xurídicos da Xunta avalaran a medida proposta polo Executivo galego. “Está xa confirmado cos servizos xurídicos e non debería haber problemas legais”, indicou.

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Feijóo deixou claro que o seu goberno será “moi riguroso” con esta medida e que nenos e nenas teñen que ter ao día as vacinas obrigatorias para poder acceder a unha praza pública ou concertada.  “Isto estará incluído xa na próxima resolución de matriculación”, indicou.

Así, unha vez concedida unha praza en centros públicos ou concertados, os pais terán oito días para acreditar que os nenos están vacinados presentando unha copia da cartilla de vacinación. “O que pretendemos é blindar a saúde pública dos nenos e dos seus compañeiros”, xustificou Feijóo. 

"GUETOS"

Preguntado por GC senón cre que isto pode facilitar a aparición de guetos educativos naqueles pais que non queiran vacinar aos seus fillos, Feijóo tamén foi contundente. “Hai algúns partidos que están recomendando que non se vacinen aos nenos. Nós perseguiremos iso e, mesmo tentaremos que os centros privados tamén cumpran esta norma”, dixo a pesar de que, polo momento, non estarían obrigados a iso.

En todo caso, o presidente galego destacou que a intención do seu executivo é extender esta medida e que, “recomendarán” aos centros privados que só matriculen aos nenos vacinados. Con todo, non quixo avanzar se se exercerán algunhas medidas punitivas para levar a cabo esta decisión.

O que si avanzou Feijóo é a intención da Xunta de que esta medida non quede só na educación non obrigatoria e dixo que a asexoría xurídica xa está analizando a posibilidade de implantala tamén a partir dos 3 anos. Con todo, recoñeceu que neste caso “hai máis dúbidas xurídicas”. “Pero se a asesoría xurídica autoriza isto, faremolo por lei, e levaremos unha nova norma ao Parlamento de Galicia”, concluíu. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta