Indignación en Down Galicia pola posibilidade de que se poida cuestionar o voto dalgunhas persoas dependentes

A Xunta Electoral Central permite a interventores ou apoderados de formacións políticas cuestionar nas mesas electorais as condicións do voto das persoas con discapacidade que consideren que non exercen o seu dereito libremente.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/03/2019 | Actualizada ás 17:09

Comparte esta noticia

A Federación Galega de Institucións para a Síndrome de Down (Down Galicia) expresou este xoves a súa indignación ante a última instrución da Xunta Electoral Central, que permitirá a determinados membros de formacións políticas cuestionar nas mesas electorais as condicións do voto das persoas con discapacidade que consideren que non exercen o seu dereito libremente.

Un cidadán deposita o seu voto na urna.
Un cidadán deposita o seu voto na urna.

Esta medida, publicada no Boletín Oficial do Estado, é unha das directrices que a Xunta Electoral Central considera necesarias tras as modificacións da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREG), que garante o dereito ao voto de todas as persoas con discapacidade desde a súa entrada en vigor o pasado mes de decembro de 2018.

Esta reforma, que se aplicará por primeira vez nas eleccións xerais do próximo 28 de abril, permitiu incluír no censo electoral a 100.000 persoas con discapacidade intelectual ás que retiraran este dereito por orde xudicial.

No entanto, a instrución da Xunta Electoral, apunta Down Galicia, indica que, aínda que as mesas electorais deberán admitir o voto de calquera persoa con aparente discapacidade que se atope inscrita no censo electoral, no caso de que algún interventor ou apoderado dalgún partido político "considere que o voto desa persoa non é exercido de forma consciente, libre e voluntaria, poderá facelo constar na acta da sesión identificando o número do DNI correspondente á persoa en cuestión".

Delmiro Prieto, presidente de Down Galicia, considera esta medida "intolerable", xa que "as persoas con discapacidade verán cuestionada, unha vez máis, a súa capacidade de decisión". "É incrible que, por cada pequeno avance na consecución dos dereitos das persoas con discapacidade, haxa un retroceso de varios anos na súa situación", criticou.

Á vista destas últimas medidas, a Federación Down Galicia denunciou "a persecución á que están sometidas as persoas con discapacidade en xeral, ás que se lles presupón unha menor capacidade inherente á súa discapacidade e, neste caso concreto, colócaselles nunha clara situación de desvantaxe á hora de exercer o seu dereito fundamental a voto". Por iso, sumouse á reclamación do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) para esixir a retirada da instrución.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta