Investigan as responsabilidades na tramitación da licenza do vello edificio de Fenosa na Coruña

Farao en cumprimento do acordo de mediación que evitou a demolición do inmoble

Por E.P. | A CORUÑA | 14/03/2019 | Actualizada ás 18:04

Comparte esta noticia

O Concello da Coruña iniciará unha investigación para aclarar as responsabilidades na tramitación da licenza do antigo edificio de Fenosa, segundo informou o concelleiro de Rexeneración Urbana e Vivenda, Xiao Varela.

Fíxoo tras dar a coñecer o acordo para a homologación do cumprimento da sentenza sobre o inmoble, segundo quedou estipulado no documento resultante do proceso de mediación para evitar a demolición do edificio e que foi validado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

No acordo, establecíase a lectura e publicidade dos diferentes compromisos que recolle e entre os que está a elaboración dun protocolo de boas prácticas urbanísticas no municipio, presentado polo edil. En cumprimento do mesmo, segundo Xiao Varela, o goberno local iniciou dilixencias informativas previas para a esixencia de responsabilidades na concesión, hai dúas décadas, dunha licenza de rehabilitación, contraria á legalidade, segundo ditaminaron os tribunais.

O Concello coruñés iniciará unha investigación para aclarar as responsabili. CONCELLO DA CORUÑA
O Concello coruñés iniciará unha investigación para aclarar as responsabili. CONCELLO DA CORUÑA | Fonte: Europa Press


PROCEDEMENTO

Sobre o procedemento, dixo que terá como obxectivo "a identificación do persoal funcionario e autoridades que participaron en cada unha das fases e as actuacións atribuíbles a cada un deles".  Tamén precisou que se nomeou un instrutor, o director da área de Rexeneración Urbana, mentres que subliñou que a petición de responsabilidades é un criterio "xurídico", en función do cumprimento da sentenza, e non "político".

Preguntado sobre se as responsabilidades serán só técnicas ou tamén políticas, sinalou que "non pode adiantalo". No entanto, apuntou que a orde é que se faga unha investigación "con todas as consecuencias". "A idea é que, en no momento en que se pague (a indemnización á parte recorrente neste preito) se poidan solicitar as responsabilidades correspondentes", explicou tamén.

En canto ao protocolo de boas prácticas, que será publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP) nos próximos días, afirmou que será asumido polo concello como unha "instrución" e que conterá medidas orientadas á protección de terceiras persoas, á mellora dos servizos e ao "acerto" nas decisións administrativas. A intención, segundo o edil, é a de que o ocorrido no antigo edificio de Fenosa "non se volva a repetir".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta