Piden unha suma de 30 anos de cárcere para os acusados da desaparición do socio do narco 'Pelopincho'

Ese mesmo día tamén se perdeu o rastro do propio 'Pelopincho', cuxo caso xa foi arquivado.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 16/03/2019 | Actualizada ás 11:30

Comparte esta noticia

A Fiscalía pide 10 anos de cárcere para cada un dos tres acusados polo rapto e desaparición de José  Bernardo V.A., socio do ribeirense José Antonio Pouso Rivas, 'Pelopincho' (ambos foron investigados por narcotráfico). Serán xulgados como supostos autores dun delito de detención ilegal agravada.

Xuízo.
Xuízo.

A vista celebrarase este xoves na sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra, e no banco dos acusados sentarán  M. S. F., coñecido da vítima;  F. S.S.;  J. M. F. T.; e  J. J. C. G.

Segundo o escrito de acusación pública, o 19 de novembro de 2010 ao mediodía, cando chegaba ao seu domicilio de Pontevedra coa súa muller, José Bernardo foi abordado por  M. S. F., e foise de alí nun coche con el, seguido polos outros acusados a bordo doutros dous vehículos. Dúas horas despois, a muller da vítima recibiu unha chamada na que o seu marido lle dicía que regresaría a casa pola tarde pero, desde ese momento, non se volveron a ter noticias do seu paradoiro.

O ministerio público sostén que o día antes destes feitos os catro acusados reuníranse nun hotel de Santiago de Compostela para realizar os preparativos "para a captura e desaparición" de José  Bernardo. Por estes feitos, a Fiscalía atribúe aos acusados un delito de detención ilegal agravada, e pide que sexan condenados a 10 anos de prisión cada un.

INVESTIGACIÓN POR NARCOTRÁFICO

Dáse a circunstancia de que, o mesmo día en que desapareceu este pontevedrés, tamén se perdeu o rastro de José Antonio Pouso Rivas, ' Pelopincho'. A investigación por esta desaparición, así e todo, foi arquivada.

Ambos estiveron investigados na chamada Operación Cormorán (por branqueo de capitais procedentes do narcotráfico). Ademais, poucos días antes da súa desaparición, frustrouse unha operación de tráfico de haxix, na que ambos estaban presuntamente implicados, e na que se transportaban 4 toneladas desta droga a bordo dun pesqueiro con destino a Galicia. O mal tempo fixo naufragar o barco fronte ás costas portuguesas, e só se puido salvar unha pequena parte do cargamento de haxix.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta