A Xunta licita a primeira fase das obras da intermodal de Pontevedra por 2,6 millóns

A reforma inclúe modificacións tanto no exterior (fachada, xanelas e cuberta) como no interior (instalarase unha rampla e mellorarase o illamento para garantir a eficiencia enerxética)

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/03/2019 | Actualizada ás 12:01

Comparte esta noticia

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou a primeira fase das obras da estación de autobuses intermodal de Pontevedra cun orzamento de 2,6 millóns de euros.

Tal e como informou a través dun comunicado, as empresas que estean interesadas en realizar esta actuación teñen de prazo ata o 11 de abril para presentar as súas ofertas.

No proxecto contémplase "unha reforma integral da actual terminal de autobuses, cunha modificación funcional e estética do seu interior e tamén do exterior". Con estes traballos renovaranse a fachada, cuberta e interiores, e permitirán "a mellora de instalacións e o aforro enerxético, así como a mellora dos sistemas de información".

No interior do edificio está prevista a construción dunha rampla, disporase dun novo vestíbulo e mellorarase o illamento para garantir a eficiencia enerxética. No exterior procederase ao illamento continuo das fachadas existentes, "a modo de segunda pel, a base de chapa microperforada de aceiro en cor branca para ofrecer un aspecto exterior unitario". Tamén se cambiarán as xanelas, que terán cámara de aire e illamento baixo emisivo.

Tamén se inclúe a adecuación da cuberta, de modo que se recupera a do proxecto orixinal, coa eliminación da chapa que se executou en obras posteriores. Ademais, mellorarase " o illamento e os acabados e dotarase de luz natural ao interior do edificio".

A Consellería de Infraestruturas explicou que a execución do conxunto da intermodal suporá un investimento de máis de 6,1 millóns de euros, dos cales o Goberno galego asume o 75%, mentres que o resto correrá a cargo do Concello de Pontevedra.

Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas. XUNTA - Archivo
Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas. XUNTA - Archivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta