Homenaxe ao xurista Xoaquín Monteagudo

Dixo alguén, que agora non lembro, que a experiencia da vida é un tesouro cando pode ofrecerse aos demais como se ofrece un agasallo: con alegría e xenerosidade. Por iso a negatividade da vida e a súa moura faciana non é quen de deprimir as almas fortes.

Por Xosé Glez. | Redondela | 17/03/2019

Comparte esta noticia

E máis se esa  vida dedicada a unha causa foi exercida arreo, sen pausa e con constancia. Veñen a conto estas reflexións cando me dispoño a facer un breve resumo do afán galeguista dun funcionario público que coa xubilación pecha un ciclo importante da súa vida dedicada ao servizo na administración local con exemplaridade e eficacia no desempeño das súas funcións.
A Xoaquín Monteagudo Romero, a quen me refiro, coñézoo desde 1982. Desde aquela seguimos compartindo arelas galeguizadoras.

O letrado Xoaquín Monteagudo xunto con Martiño Noriega, tras unha sesión do xuízo polas pezas do Pórtico da Gloria
O letrado Xoaquín Monteagudo xunto con Martiño Noriega, tras unha sesión do xuízo polas pezas do Pórtico da Gloria | Fonte: Concello de Santiago

Pecha, como queda dito, un longo período dedicado á función pública, despois de exercer as función de Secretario nos concellos de Muros, Outes, e dúas veces, en períodos distintos, no consistorio de Raxoi, ao tempo que redobraba o seu esforzo intelectual para conseguirmos realizar un proxecto ilusionante cando todo estaba por facer ao pouco de constituírense  as novas corporacións democráticas. Tempos aqueles nos que non era doado atopar funcionarios con cualificación profesional semellante á súa,  dispostos a poñer en pé o pulo galeguizador nas administracións públicas. Eu, que traballei ao seu carón, podo afirmar que non nos foi doado atopar complicidades honestas nunha función pública labrada pola ideoloxía franquista. Só a nosa teimosía e intelixencia nas accións foi quen de abrir espazos naqueles ambientes ríspidos, xeradores de múltiples adversidades.

A formación xurídica de Xoaquín Monteagudo converteuse nun motor que removeu aquelas estruturas. Home dunha sólida formación e dun talante dialogante e firme á vez, contribuíu a desenvolver iniciativas de incuestionable feitío. Foi decisiva a súa auctoritas para crearmos no Instituto da Lingua Galega  un Seminario de Linguaxe Xurídico-Administrativa que elaborou as primeiras publiciacións (“Documentación Administrativa”, volúmes I e II) que dinamizaron a galeguización dos concellos galegos, e un vocabulario xurídico-administrativo que desfixo naqueles anos o mito de que a lingua galega non era apta para a elaboración de expedientes administrativos. Iniciativas todas elas que terían continuidade anos máis tarde no Centro de Investigacións “Ramón Piñeiro”, coa  publicación dos “Regulamentos Municipais” (volúmes I e II), nun proxecto editorial daquel que tamén publicara os “Formularios Notariais” de Victorino Gutiérrez Aller, a quen tanto se lle debe pola súa contribución á galeguización dos protocolos notariais. Foron importantes tamén as súas achegas  aos borradores das leis de normalización lingüística e de uso do galego polas corporacións locais.

Participou activamente Xoaquín Monteagudo na posta en marcha en 1982 dunha organización singular, a Asociación de Funcionarios para a Normalziación Lingüística, da que segue a ser o seu presidente. Unha asociación impulsora de múltiples accións novidosas e con resultados exitosos  - editou o boletín “Lingua e Administración” e a revista “Lingua e Dereito”-. Organizou cursos de formación para os funcionarios cando a Escola de Administración Pública era unha quimera que empezou a funcionar en 1989. Foron importantes tamén as súas achegas  aos borradores das leis de normalización lingüística e de uso do galego polas corporacións locais.
Xoaquín Monteagudo preside actualmente a Irmandade Xurídica Galega, unha entidade que aglutina a máis de douscentos cincuenta xuristas (avogados, notarios, xuíces, fiscais e funcionarios xuridicais) que son os auténticos dinamizadores da normalización lingüística en espazos antes vetados para o noso idioma, como noutrora foran os maxistrados Carballal Pernas, García Ramos, Martínez-Risco ou os avogados Pedro González e Roberto González Pastorizas, por citarmos uns cantos. Todos eles de probada e fecunda pedagoxía galeguizadora. Como os citados anterioremente, Monteagudo cultiva unha prosa xurídica do mellor  estilo para razoar fundados razoamento xurídicos  precisos e sólidos,  imbatibles no foro.

O próximo día 29 do mes que andamos celebrarase un xantar- homenaxe a quen soubo ser un eficaz servidor público e  un galeguista de incansable actividade, malia as negatividades da vida que coa súa faciana moura non foron quen de arrombarlle o seu optimismo contaxioso.
Eu, como vello amigo de seu, fago miñas as palabras de Cicerón cando afirmaba que a amizade contén moitas e moi importantes avantaxes,sendo de salientar a que non permite que os ánimos se debiliten ou decaían. Que boa falta nos fai. Porque para termos farturenta seitura queda aínda moita sementeira por facer.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé González Martínez Presidente do Foro E. Peinador e da Fundación Lois Peña Novo, secretario da Asociación de Funcionarios para Normalización Lingüística, da Irmandade Xurídica Galega e Asociación de Amigos do Couto Mixto.