Denuncian “manipulación” e “maquillaxe” nos datos da xestión de residuos de Sogama

Salvemos a Comarca de Ordes di que a queima de lixo segue sendo a principal forma de tratar os residuos desta sociedade. O segundo xeito é vertelo directamente no vertedoiro da Areosa.

Por Galicia Confidencial | Ordes | 18/03/2019 | Actualizada ás 11:20

Comparte esta noticia

O informe que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou sobre o tratamento de residuos de Sogama é “unha interpretación manipuladora dos datos reais (e públicos) da entidade”. Así o denuncia a entidade Salvemos a Comarca de Ordes que asegura que só se selecciona o 12% de todo o lixo que recibe Sogama  procedente de toda Galicia e que a queima dos residuos e o depósito no vertedoiro da Areosa seguen a ser os principais destinos das bolsas despois de máis de 47 millóns de euros invertidos en melloras da planta. 

Sogama
Sogama

Os concellos adheridos ao plan Sogama, que son o 94 por cento de Galicia, pagan un canon por tonelada de lixo, que ronda, actualmente, os 70€.  O custe medio de tratamento de residuos en España é de 40 € por habitante e ano. Iso suporía, nos concellos adheridos a Sogama, uns 90 millóns de euros tendo en conta que se atende a unha poboación de 2.260.000 habitantes.

Partindo das cifras da propia empresa, nos presupostos para o 2018, os ingresos estimados totais foron de 112 millóns de euros, o que supón un beneficio de 22 millóns de euros no exercicio dese ano, que proveñen do pago dos concellos e da venda de servizos, enerxía e materiais recuperados no tratamento. “Débese ter en conta que a empresa verte o 40% do lixo que recibe directamente no vertedoiro da Areosa e cobra como se este lixo fose tratado previamente para a súa reciclaxe”, engade a entidade.

“Estamos pois, ante unha realidade que confirma a penosa xestión da empresa responsable de xestionar o 83% do residuo urbano de Galicia”, indica nun comunicado.  Tras este estudo, e partindo das cifras da propia empresa, Sogama tería ingresado 112 millóns de euros segundo o presuposto do ano 2018. Se se ten en conta que o custe medio de tratamento de residuos en España é de 40 € por habitante e ano, a Sociedade Galega de Medio Ambiente estaría facturando ós concellos adheridos ó seu plan, 22 millóns de euros de sobrecusto.

“Disto dedúcense uns beneficios dun 25% para Sogama que consideramos absolutamente abusivos tendo en conta que se trata dun servizo público no que a maior parte dos concellos actúan como clientes cautivos”, engade. Ademais, critica que ningún destes datos figuran no informe aos medios de comunicación facilitado polo Consello da Xunta á prensa  a finais de febreiro.

Montes de lixo no vertedeiro que Sogama ten no Areoso, en Ordes
Montes de lixo no vertedeiro que Sogama ten no Areoso, en Ordes

XESTIÓN DO LIXO

En canto á xestión do lixo, de acordo coas cifras oficiais, o complexo de Sogama recibe en torno a un millón de toneladas de lixo ó ano das cales se recuperaron 120 mil toneladas de materiais, 480 mil foron queimadas e unhas 400 mil foron vertidas directamente no vertedoiro da Areosa. Uns depósitos que segundo Salvemos a Comarca de Ordes se depositan sen ningún tipo de tratamento, poñendo en risco a poboación e a cunca do Río Tambre. “A conclusión é que de case un millón de toneladas, só se recuperan unhas 120 mil toneladas, o resto quéimase ou entérrase, e nada explican do que se fai coas cinzas e escouras produto da incineración”, engade.

Os activistas denuncian que os vertedoiros da Areosa ocupan unha superficie de 63 hectáreas, acumulando montañas de lixo dende o ano 1996, cando foi creado como vertedoiro temporal até que comezase a funcionar a planta de reciclaxe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta