Noriega acusa ao PP de "electoralismo" por insistir na vidiovixilancia para controlar aos cidadáns

Rueda urxe a "non perder o tempo" e tomar medidas para "disuadir" delitos mentres que o rexedor reclama unha solución desde a "cooperación" e non desde a "competición".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/03/2019 | Actualizada ás 14:29

Comparte esta noticia

Seis días despois de que a Catedral de Santiago amencese con varias pintadas no seu perímetro, sucédense as cruces de declaracións entre representantes do Goberno galego e do Concello da capital. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, remarcou este luns que "a postura" do Executivo autonómico "quedou clara" e que "algo hai que facer", insistindo en non quedar "de brazos cruzados".

"Non podemos conformarnos dicindo que non se pode facer nada e que en calquera outro momento pode volver pasar", aseverou, criticando "o atentado contra o Patrimonio, que feriu a todos", da pasada semana e avogou por tomar medidas.

Neste sentido, no medio dun clima de acusacións cruzadas entre Xunta e Concello pola instalación de cámaras de videovixilancia, dirixiuse ao goberno local da capital: "O concello de Santiago e todos os que teñan algo que dicir teñen que entender que non nos podemos quedar de brazos cruzados e que algo hai que facer".

Alfonso Rueda sinalou a necesidade de "disuadir aos que poidan estar a pensar en facelo" e, se volve suceder algo similar, "polos en mans da xustiza porque fan moitísimo dano en todos os aspectos". O vicepresidente da Xunta afirmou que "a capacidade de reacción empeza agora" e avogou por "non perder tempo" na procura de solucións.

DEBATE "FÁCIL" E "ELECTORALISMO"

Pola súa banda, o rexedor compostelán, Martiño Noriega, insistiu en que a intención do Goberno local é tanto "mellorar o sistema actual" de vixilancia como "lanzar unha mensaxe" que afonde na "prevención, a seguridade e o civismo". "Que é o que non se está lanzando estes días, porque o que menos interesa é que cale esa mensaxe", criticou.

En alusión ás declaracións realizadas desde a Xunta respecto diso, Noriega lamentou que se "estea facendo electoralismo", xerando "un debate fácil", e matizando que el "non vai facer o mesmo". "Podería porme a abrir debates sobre que está a facer a Xunta na mesa institucional de coordinación do Xacobeo despois dun ano e sen apenas resultados, a pouco de celebrarse o Xacobeo 2021, pero non o vou a facer", ironizou.

Preguntado por se houbo un achegamento por parte do seu departamento ao gabinete de Román Rodríguez, o rexedor desvelou que se produciu "un contacto", aínda que matizou que se produciu no contexto dunha "visita unilateral" do responsable de Cultura ao lugar dos feitos que xerou "malestar non só ao Concello, senón ás autoridades da Catedral".

Noriega sinalou, así, que unha solución ou iniciativa institucional tense que realizar partindo dun "espírito de cooperación" e "non de competición", acusando ao PP de "abrir debates gratuítos" nos medios a "falta de mes e pico para as eleccións xerais e dous meses e pouco das municipais". "Entón todo vale, ata saltarse as normas de traballo institucional que son as que garanten que se cheguen a bos resultados", lamentou.

Roda Cámaras vs Noriega. XUNTA DE GALICIA
Roda Cámaras vs Noriega. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta