Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/03/2019 | Actualizada ás 15:41
O portavoz de En Marea, Luís Villares, afirmou que "o espazo político" do partido instrumental "está máis cohesionado que nunca". "Hoxe somos máis marea que nunca", incidiu Villares este luns sobre a división en dúas candidaturas da confluencia galega para as eleccións xerais do próximo 28 de abril, ás que non concorrerá Anova.
Na liña do expresado o pasado venres, cando asegurou que "non hai ruptura" en En Marea, senón "o abandono do barco duns poucos" —en referencia a EU, Podemos e Anova—, o maxistrado insistiu en que En Marea está na actualidade "máis cohesionada que nunca" e encara a cita coas urnas "como marca política consolidada" entre a cidadanía.
Con todo, a división en dúas candidaturas da confluencia derivou en que os deputados que no últimos catro anos representaron as siglas En Marea no Congreso van competir electoralmente coa marca, xa que Esquerda Unida e Podemos Galicia decidiron desmarcarse do partido instrumental e apostar pola reedición dunha candidatura en forma de coalición que foi bautizada como En Común-Unidas Podemos.
Unha coalición na que non estará Anova, que decidiu non presentarse ás eleccións xerais despois de fracasar as negociacións con EU e Podemos ao non ser posible configurar un "acordo entre iguais similar ao de 2015", como recoñeceu o portavoz da organización nacionalista, Antón Sánchez.
"Non me corresponde a min avaliar o que pasou no outro lado", indicou Villares a preguntas dos xornalistas sobre o fracaso das negociacións para a inclusión de Anova na coalición de Esquerda Unida e Podemos Galicia, conversas que encallaron á hora de pactar as cabezas de lista por cada provincia, especialmente na de Pontevedra, posto que finalmente ocupará a ferrolá Yolanda Díaz.
Villares subliñou que En Marea elixiu os seus candidatos "sen pactos de despachos" mediante unhas primarias nas que "calquera persoa puido candidatarse", aínda que, finalmente, só concorreron ao proceso interno listas propostas pola dirección do partido instrumental encabezada polo maxistrado lucense.
Así mesmo, insistiu en que non existe ruptura en En Marea porque, segundo Villares, tanto "na dirección" como nas listas do partido instrumental hai "militantes de Anova e de Podemos" que cren nun proxecto "cun espírito cidadanista que decidiu soltarse dos corpiños partidarios".
Ademais, cuestionado sobre se cre que a división do coñecido como proxecto de unidade popular e a imaxe ofrecida nos últimos tempos pode penalizar electoralmente tanto a En Marea como á coalición En Común-Unidas Podemos, Villares aseverou que a súa organización "está en disposición de ilusionar a moita xente" porque ten "un discurso coherente". "O que decepciona son as forzas políticas que non cumpren co que se comprometen", insistiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.