O PPdeG defende a Ana Pastor: "É difícil atopar unha mellor cabeza de lista en Pontevedra"

Pedro Puy espera que "aqueles que vaian votar a Vox entendan que é máis útil votar ao PP"

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/03/2019 | Actualizada ás 17:15

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, defendeu este luns á presidenta do Congreso, Ana Pastor, xa que, ao seu xuízo, "é difícil atopar unha mellor cabeza de lista para o Partido Popular na provincia de Pontevedra".

Ana Pastor realiza unha visita a Córdoba. Enrique Gómez - Europa Press
Ana Pastor realiza unha visita a Córdoba. Enrique Gómez - Europa Press | Fonte: Europa Press

Así, respondeu Puy ás críticas cara a Pastor que realizou a Plataforma Vítimas Alvia 04155, que cualificou de "ofensa" que a exministra fose nomeada como cabeza de lista do PP en Pontevedra, xa que, ao seu xuízo, é "a persoa que máis traballou desde as institucións públicas para tratar de ocultar as verdadeiras causas dunha traxedia que acabou coa vida de 80 persoas".

Desta maneira, o portavoz do PPdeG apuntou que as vítimas e as asociacións que as representan "teñen dereito a dicir calquera cousa que estimen conveniente" e "todas as forzas políticas teñen que tratalas con respecto".

Con todo, subliñou que Ana Pastor compareceu na comisión de investigación no Congreso dos Deputados e alí "tivo ocasión de dar resposta a todo o que lle preguntaron", polo que asegurou que "non comparte a opinión" das asociacións de vítimas neste aspecto.

"VOTO ÚTIL"

Noutra orde de cousas, Pedro Puy insistiu este luns en pedir o "voto útil" para o PP nas próximas eleccións xerais do 28 de abril.

Neste sentido, asegurou que a Lei D'Hont nalgunhas provincias podería dar un resultado "curioso" e "posiblemente non buscado", porque se disolve o voto en opcións minoritarias "como ocorre máis veces con outras forzas políticas".

"Espero que aquela persoa que entende que votando a Vox consegue algo positivo en relación coa situación xeral de España, coa campaña chegue a entender que é máis útil votar ao Partido Popular", sentenciou Puy.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta