Santander culmina a integración do Popular en Galicia

A operación complétase tamén en Asturias, Cantabria e País Vasco.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/03/2019 | Actualizada ás 17:41

Comparte esta noticia

O Banco Santander completou con éxito a integración tecnolóxica na plataforma do grupo das oficinas de Popular en Galicia, Cantabria, Asturias e País Vasco. Desta maneira, xa foron integradas un total de 325 oficinas procedentes da rede de Banco Popular e Banco Pastor, que representan o 17% dos clientes migrados.

BANCO POPULAR
BANCO POPULAR

No momento da adquisición en xuño de 2017, Santander estimou que completaría a integración das 1.500 oficinas de Popular en España en dous anos. Desde o banco afirman que o proceso avanza satisfactoriamente e segundo os prazos previstos, polo que a integración de todo o territorio estatal culminará previsiblemente o próximo mes de xullo.

O grupo decidiu acometer a integración tecnolóxica en nove fases. A primeira iniciouse o pasado mes de novembro en Galicia. A entidade decidiu empezar aos poucos o proceso de integración e escolleu Galicia pola súa complexidade, xa que contaba con clientes particulares, empresas e pemes tanto de Popular como de Banco Pastor.

Debido a que non se topou con ningún inconveniente no camiño, a integración colleu velocidade e esta fin de semana, na que foi a cuarta onda, integráronse 200 oficinas máis: as preto de 80 sucursais restantes en Galicia e todas as de Asturias, Cantabria e País Vasco. Segundo os plans da entidade, a integración continuará en Cataluña.

Así, desde este luns 18 de marzo operan baixo os sistemas informáticos de Santander un total de 325 oficinas procedentes da entidade que o grupo presidido por Ana Botín comprou ao simbólico prezo dun euro tras a súa resolución en xuño de 2017.

Banco Popular desapareceu como entidade xurídica o pasado mes de setembro, momento en que todas as oficinas pasaron a engadir nos seus rótulos a firma Santander. A intención é que as marcas Popular e Pastor desaparezan, pero non é ata que se completa a integración tecnolóxica nunha oficina cando o grupo cambia o cartel da sucursal polo do resto de oficinas de Santander.

Desta maneira, en Galicia agora os usuarios poden atoparse con dúas oficinas de Banco Santander a poucos metros de distancia, pero ata que non finalice a integración de toda a rede en España este verán non se iniciará o proceso de reestruturación de oficinas.

No entanto, fontes sindicais e financeiras non descartan que as conversacións entre a entidade e os sindicatos se inicien antes, probablemente tras a presentación do novo plan estratéxico 2019-2021 do grupo o 3 de abril en Londres.

Neste sentido, os máis de 30.000 empregados de Banco Santander en España confían en que o banco respectará o Protocolo de Fusión asinado o pasado mes de novembro á hora de executar o Expediente de Regulación de Emprego (ERE).

Neste documento, a entidade comprométese a non recorrer aos artigos de mobilidade xeográfica, modificacións substanciais de condicións de traballo e despedimento colectivo do Estatuto dos Traballadores sen previo proceso de diálogo e participación sindical en procura de solucións consensuadas, renunciando de forma expresa á toma de medidas traumáticas en procesos de reorganización pola absorción do Popular.

En calquera caso, aínda non existe un número oficial de empregados afectados polo ERE, aínda que varios medios falan dun recorte de entre 3.000 e 4.000 persoas polo peche de máis de 1.000 sucursais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta