A Xunta envía cartas ás escolas infantís privadas de Galicia para que esixan as vacinas oficiais

Na carta que se remitiu infórmase que o pasado 15 de marzo, a Xunta de Galicia introduciu o cumprimento do calendario oficial de vacinación infantil autonómico como requisito para a matrícula nunha escola infantil.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/03/2019 | Actualizada ás 19:44

Comparte esta noticia

A Consellería de Política Social remitiu unha carta ás máis de 200 escolas infantís privadas existentes en Galicia na que lles recomenda que se estableza como requisito para aceptar a matriculación que os nenos cumpran o calendario de vacinas vixente de 0 a 3 anos.

Na carta que se remitiu infórmase que o pasado 15 de marzo, a Xunta de Galicia introduciu o cumprimento do calendario oficial de vacinación infantil autonómico como requisito para a matrícula nunha escola infantil, porque "a Administración autonómica debe acompañar o compromiso da inmensa maioría das familias galegas que toma a adecuada decisión de vacinar aos seus fillos".

"O altísimo seguimento das campañas de vacinación infantil por parte dos fogares galegos é unha mostra máis da responsabilidade que caracteriza a Galicia", recolle o escrito remitido ás 199 escolas privadas e ás 48 privadas de iniciativa social, asinado pola conselleira Fabiola García.

A titular de Política Social móstrase "segura de que a práctica totalidade" das escolas infantís da comunidade comparten os argumentos da Xunta e remarca que "é necesario seguir concienciando sobre a importancia de levar ao día as vacinas recomendadas pola Administración sanitaria que son totalmente gratuítas para as familias". Roi Penín, o responsable da Asociación Galega de Escolas Infantís (Agadei), a entidade maioritaria no sector en Galicia e que agrupa a 85 centros, cre que esta medida avala a solicitude da información de vacinación que os asociados xa realizaban previamente, a pesar de que non era obrigatorio.

"A gran maioría dos centros xa o pediamos, non se podía esixir pero xa o pediamos", explicou, co que coa normativa da Xunta avala a postura adoptada hai anos pola maior parte dos centros asociados. "Agora estamos máis tranquilos, aínda que os casos de nenos non vacinados son excepcionais", resaltou. En Galicia, hai 173 escolas infantís xestionadas pola Xunta a través da rede Galiña Azul, que ofrecen 10.379 prazas e que esixirán o cumprimento do calendario de vacinas para a matriculación. A estas, súmanse 199 privadas, con 10.296 prazas das que 492 son concertadas, e 48 gardarías de iniciativa privada.

ESCOLAS INFANTÍS MUNICIPAIS

Caso distinto é o das gardarías de xestión municipal, que na actualidade son 133, que alcanzan as 6.528 prazas. Desde Política Social precisouse que, nestes casos, as decisións sobre a esixencia ou non da cartilla de vacinación é unha medida que debe adoptar cada administración municipal.

A Xunta ten aberto ata o 5 de abril o prazo de inscrición para o curso 2019/20 nas escolas infantís da rede autonómica da Galiña Azul, que pon a disposición das familias 10.379, 114 máis que no actual curso. Tamén se abre o prazo nas 492 prazas públicas concertadas nos centros de titularidade privada.

Vacinas. CONSELLERÍA DE SAÚDE - Arquivo
Vacinas. CONSELLERÍA DE SAÚDE - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta