O comité de Alcoa San Cibrao reúnese este venres cos alcaldes da Mariña e pide ao Goberno rectificar

A empresa traslada aos empregados o seu malestar co estatuto e, aínda que "non puxo o peche encima da mesa", a ameaza "lese entre liñas"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/03/2019 | Actualizada ás 13:29

Comparte esta noticia

O comité de Alcoa da planta de San Cibrao, no municipio de Cervo (Lugo), reunirase este venres cunha decena de alcaldes da comarca da Mariña para abordar a súa situación ante a ameaza que pesa sobre a viabilidade da fábrica.

En declaracións a Europa Press, o presidente do comité de Alcoa San Cibrao, Xosé Paleo, dixo que espera que o Goberno rectifique o estatuto para a industria electrointensiva "porque é necesario". "Imos facer todo o posible para que modifique o borrador", deixou claro.

En concreto, a esa reunión ás 11,00 horas do 22 de marzo na fábrica de San Cibrao están convocados os rexedores de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Ribadeo, O Valadouro, Viveiro e Xove. Paleo explica que a intención é que acudan representantes dos concellos "máis afectados" e de "todas as cores políticas". Así mesmo, está previsto que na próxima semana diversos partidos políticos se reúnan cos traballadores da fábrica.

Ademais, os empregados de San Cibrao prevén levar a cabo mobilizacións "en función de como vaia evolucionando" a receptividade do Goberno a incluír modificacións no estatuto electrointensivo. Indica que "de momento non hai nada pechado", aínda que na tarde deste xoves o comité de San Cibrao abordará se se suman á protesta convocada para o 28 de marzo en Madrid ante o Congreso polos da Coruña e Asturias.

NON HAI PECHE "ENCIMA DA MESA", PERO "LESE ENTRE LIÑAS"

O pasado mércores, o comité de San Cibrao mantivo un encontro con representantes da empresa, na que Alcoa "non puxo en ningún momento o peche encima da mesa". "Pero non fai falta que o poña, son cousas que se len entre liñas, din que se segue así non ten viabilidade", engade.

Nesta liña, a compañía trasladou que o borrador do estatuto "non chega para unha industria electrointensiva das características do aluminio", na que a enerxía "supón preto do 40% do custo final do produto". Agora, tanto empresa como sindicatos presentarán alegacións ao borrador.

Obreiros de Alcoa San Cibrao diante das instalacións
Obreiros de Alcoa San Cibrao diante das instalacións | Fonte: AXM

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta