O PSdeG insta á Xunta a reducir o horario lectivo dos docentes

Os socialistas volverán pedir na Cámara a derrogación do decreto do plurilingüismo

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/03/2019 | Actualizada ás 14:28

Comparte esta noticia

O Partido Socialista de Galicia pedirá en Parlamento de Galicia que a Xunta reduza o horario lectivo dos docentes de primaria e secundaria despois de que o Congreso aprobase un proxecto de lei para acabar coas últimas medidas do Real Decreto aprobado polo goberno de Mariano Rajoy en 2012 para aplicar recortes en educación.

Así o avanzou este xoves nunha rolda de prensa o portavoz de Educación do PSdeG, Luís Álvarez, quen asegurou que a máxima de "con menos facer máis" supuxo un "detrimento" das condicións laborais dos docentes. Así, os profesores de primaria pasaron de ter 21 horas lectivas a 25 e, os de secundaria, de 18 a 20. Esta medida, segundo apuntou, provocou que en Galicia se reducisen un total de "1.481 profesores" entre 2008 e 2018. "Son moitos profesores menos e iso faise con base en incrementar os seus horarios", apuntou.

Con todo, destacou que o proxecto de lei impulsado polo Goberno de Pedro Sánchez e que viu luz verde na Cámara baixa permite recuperar as condicións previas polo que "o feito de que o profesorado de Galicia siga mantendo estes horarios" é unha decisión "política" do Goberno da Xunta. Por  iso, Luís Álvarez definiu a iniciativa do seu grupo como unha medida "necesaria" que é "moi factible" de levar á práctica sen que por iso se desestabilice " a economía da Comunidade autónoma".

DECRETO DO PLURILINGÜISMO

Ademais, na rolda de prensa, Luís Álvarez informou de que o seu grupo volverá pedir a derrogación do decreto do plurilingüismo na educación non universitaria nun contexto no que "determinados líderes nacionais" poñen en cuestión a "esixencia" dos coñecementos das linguas oficiais das comunidades para o acceso a postos de función pública.

Así, tras lembrar que o presidente do PP, Pablo Casado, prometeu que publicaría unha Lei de Linguas se chega á Presidencia do Goberno ou que a dirixente de Ciudadanos Inés Arrimadas acusou a Feijóo de ser "nacionalista" por pedir o galego nas oposicións de educación, Luís Álvarez considerou necesario que a Xunta garanta que os alumnos saiban o galego igual que o castelán cando terminan as etapas educativas nas que esta lingua é obrigatoria.

Neste sentido, o deputado do PSdeG tamén reclamou que se manteña a esixencia do coñecemento do galego nos procesos de ingreso, acceso e adquisición de novas especialidades nos corpos docentes en Galicia. Ademais, esixiu que o galego continúe como requisito no acceso aos postos da administración xeral autonómica de Galicia.

O PSdeG insta á Xunta a reducir o horario lectivo dos docentes
O PSdeG insta á Xunta a reducir o horario lectivo dos docentes | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta