A CEG concretará o vindeiro mércores a data das eleccións, que serán sobre xuño

Nun clima de forte división na Confederación de Empresarios de Galicia, hai voces que cren que o máis lóxico sería coñecer o novo responsable da organización ourensá antes de lanzarse aos comicios autonómicos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/03/2019 | Actualizada ás 14:44

Comparte esta noticia

A xunta de vicepresidentes da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) convocou para o vindeiro mércores día 27 o comité executivo que decidirá a data da asemblea electoral, que se celebrará no horizonte de xuño.

E é que a convocatoria da asemblea da patronal galega debe realizarse cunha antelación de polo menos 40 días naturais, ao que hai que engadir que a confederación de Ourense ten xa previstas as súas eleccións para o día 6 de xuño. Quen fora o seu presidente nos últimos anos e aspirante a porse á fronte da CEG, José Manuel Pérez Canal, faleceu en novembro do pasado ano. Fontes consultadas por Europa Press sinalan que o máis lóxico sería esperar a que a organización ourensá conte cun novo responsable para desenvolver os comicios a nivel autonómico.

Antón Arias, ex presidente da CEG
Antón Arias, ex presidente da CEG

A CEG leva sen presidente desde xaneiro de 2018, cando dimitiu Antón Arias, saída que se sumou ás marchas previas de José Manuel Fernández Alvariño e Antonio Dieter Moure. Nun clima de forte división entre as provincias da Coruña e Lugo, por unha banda, e Pontevedra e Ourense, por outro, a última confrontación manifestouse na falta de acordo para reformar os estatutos da organización, a raíz do peso que uns e outros queren darlle ás organizacións sectoriais. O cambio dos estatutos buscaba facer máis atractivo o cargo na presidencia, tendo en conta que as últimas eleccións non levaron a cabo ao concluír o prazo sen candidatos.

Unha vez se fixe día para estes novos comicios, de acordo coas normas internas da CEG, os eventuais aspirantes poderán presentar candidatura ata o sétimo día anterior ao da elección.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta