O BNG denuncia o "desmantelamento" do transporte público en Ferrolterra

Critica os problemas de conexión por ferrocarril e estrada desta comarca co resto de Galicia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/03/2019 | Actualizada ás 17:15

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que a comarca de Ferrolterra "está a sufrir un proceso de desmantelamento do transporte público" e que, con iso, están "a perderse oportunidades de futuro". Estas manifestacións realizounas a dirixente nacionalista nunha comparecencia pública no local do BNG de Ferrol, en compañía do portavoz municipal, Iván Rivas, candidato á Alcaldía desta formación neste municipio.

Avaría nun tren de Feve
Avaría nun tren de Feve | Fonte: EP.

Para corroborar esta afirmación Pontón asegurou que se interesou ante Renfe polas combinacións para poder desprazarse desde Santiago a Ferrol. E asegurou que "dan dúas opcións: unha saír ás 14,24 horas e chegar ás 16,11, cun custo de 21,80 euros, e outra saír de Santiago ás 20,32 horas chegando a Ferrol ás 22,20, co mesmo prezo".

Respecto diso, engadiu que "significa que para poder estar ao mediodía en Ferrol sería necesario vir o día anterior e pasar a noite aquí, pagar un hotel". Por iso, sostén que "isto é un claro síntoma do desmantelamento e illamento de Ferrolterra, onde o Goberno central, teñen un plan de abandono para logo así ter xustificación para suprimir cada vez máis servizos".

Ana Pontón tamén denunciou que a opción do transporte por estrada "tampouco solucionaría moito" e, por iso, destacou que "con este tipo de servizos é imposible dispor dunha mobilidade adaptada, onde non se pode admitir que para desprazarse a unha cidade como Ferrol, desde outra cidade da mesma provincia, fagan falta dous días".

Desta situación Pontón culpou tanto "ao Goberno central como ao da Xunta, que no fondo comparten un deseño que non cren que o transporte público sexa a alternativa de futuro". Tamén incidiu en que "todo está moi interferido polos intereses de Audasa, xa que se se pon un transporte público de calidade, a autoestrada perde usuarios". Iso, abundou, motivaría "a baixada dos seus beneficios". "Os prezos e peaxes desta autoestrada son un atraco a man armada", sentenciou.

Así mesmo, Ana Pontón reclamou que se "transfiran a Galicia as competencias ferroviarias, tanto as de proximidade, como é o caso de FEVE, como o resto, para non continuar sufrindo as políticas centralizadoras", ademais de criticar ao Goberno da Xunta, "xa que é cativo dos servizos privados, cun plan de transporte que é unha chapuza, e que non satisfai ás necesidades dos usuarios".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Boeno, non hai conexión directa de Santiago a Ferrol por tren, así que as combinacións que pode haber non son boas. . Agora ben non se pode deducir deso que haxa un " desmantelamento". Non se pechou nengunha liña de tren en Galicia ( eso é o que sería un " desmantelamento"), pero a liña de Coruña a Ferrol ten poucos servicios, e o tempo non é competitivo. ¿ E que tal menos panfletiños histéricos e mais rigor ?