O afín a Marea Atlántica que vendeu dous pisos ao Concello da Coruña séntese "desprotexido" polo goberno local

Di sentirse tamén acosado polo PP. O BNG nega "electoralismo" en resposta a unhas críticas que o vendedor fixo extensivas tamén ao PSOE.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 21/03/2019 | Actualizada ás 18:55

Comparte esta noticia

Toni Lodeiro, o asinante do manifesto de Marea Atlántica que vendeu dous pisos ao Concello da Coruña --para destinalos a aluguer social e cuxa compra foi anulada tras a decisión do Consello Consultivo--, denunciou sentirse "acosado" polo PP e "desprotexido" polo goberno local, o PSOE e o BNG "por razóns electoralistas".

Toni Lodeiro.
Toni Lodeiro.

En concreto, repróchalles non defender "o dereito de calquera cidadán a concorrer a un procedemento municipal, sexa cal for a súa ideoloxía".

Nun comunicado dirixido á cidadanía, Lodeiro asegura que rompe cun ano de silencio para facer pública a súa visión sobre unha "campaña política, administrativa e mediática" na que, ao seu xuízo, se lle acusou "falazmente" de recibir "trato de favor no concurso público" por ser "simpatizante" de Marea Atlántica.

Tras lembrar que a Fiscalía da Coruña arquivou a denuncia do PP, nega unha "participación continuada" en proxectos de Marea Atlántica", á vez que subliña que leva dez anos vivindo en Cataluña.

Por outra banda, e tras defender os pasos dados pola súa banda no citado concurso, confirma que, unha vez anulada a compra de pisos, seguirá facendo valer os seus dereitos nos tribunais ao entender que se o goberno local cometeu "algún erro nunha decisión administrativa, súa debe ser a plena asunción de consecuencias".

RESPOSTA DO BNG

En resposta a este escrito, desde o grupo municipal do BNG, a concelleira Avia Veira asegura non entender "cal é o interese do señor Lodeiro en emitir agora, seis meses despois do ditame do Consultivo, un comunicado nestes termos".

"Insultando e desprezando a actuación do BNG, que foi absolutamente responsable na súa tarefa de control do goberno e respectuosa coa filiación política do afectado". "Desde o principio mantivemos que calquera persoa pode concorrer ao concurso", sinala Avia Veira.

Na mesma liña, indica que a actuación do BNG obedeceu á defensa do cumprimento da legalidade. "E que se respecten as bases de calquera concurso público". "Esa é a nosa responsabilidade e debería entendelos calquera cidadán", apostila nun comunicado no que nega que actuase por motivos "electoralistas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta