Falece unha muller de 84 anos tras un choque frontal entre dous vehículos en Carballedo

Outro home de avanzada idade que a acompañaba está ferido grave.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2019 | Actualizada ás 11:20

Comparte esta noticia

Unha muller de 84 anos de idade faleceu no concello lugués de Carballedo tras un choque frontal entre dous vehículos, onde dous homes tamén resultaron feridos, un deles de gravidade.

Tal como informou o 112 Galicia, os servizos de emerxencia tiveron constancia dos feitos ao redor das 19,20 horas, cando foron avisados polos efectivos sanitarios de urxencias, que contactaron co Centro Integral de Atención ás Emerxencias (CIAE) para solicitar axuda para os implicados nun sinistro na parroquia de Santiago de Lousada, na localidade de Barrela, en Carballedo.

Así, os xestores do CIAE contactaron cos Bombeiros de Chantada, coa Garda Civil de Tráfico e cos voluntarios de Protección Civil da localidade.

Os efectivos do 061-Urxencias Sanitarias, debido á gravidade das lesións dunha das persoas implicadas, mobilizaron o helicóptero medicalizado con base en Ourense, pero desafortunadamente só puideron certificar o falecemento da muller, mentres que os outros dous implicados no accidente foron trasladados en ambulancia ao Hospital da cidade termal, tras ser un deles excarcerado polo servizo de prevención de incendios.

Segundo informou a Garda Civil de Tráfico a Europa Press, o suceso ocorreu concretamente na estrada que une Barrela cos Peares. Nun dos vehículos implicados, un Peugeot 309, viaxaban a falecida e un home de avanzada idade, que resultou ferido de gravidade.

Pola súa banda, no outro turismo, unha Citroën Berlingo, circulaba un home, que saíu ferido leve, quen tamén foi trasladado ao Hospital de Ourense.

Ambulancia do 061. 061-GALICIA - Arquivo
Ambulancia do 061. 061-GALICIA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta