Pontón evita falar sobre a unidade do nacionalismo e insiste en que o BNG "ofrece alternativa" aos "decepcionados"

Sobre o pacto con ERC e HB-Bildu para as europeas suliña que "buscan alianzas que permitan defender os intereses dos galegos sen ningunha subordinación a ninguén".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2019 | Actualizada ás 17:28

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, rexeitou valorar a posibilidade dunha nova unidade do nacionalismo tras a ruptura de En Marea e a decisión de Anova de non concorrer ás xerais, pero deslizou que a súa formación é "a casa común do nacionalismo" e unha "alternativa de futuro" para as persoas que están "decepcionadas".

Pontón reivindica o "proxecto sólido, cohesionado e unido" do BNG, en entrevista na Cadea Ser recollida por Europa Press, ante a pregunta sobre as diferenzas das outras formacións políticas de esquerdas en Galicia.

Pero aínda que insiste en que "non entra a valorar os problemas e as leas doutras organizacións políticas", deixa caer que o BNG é unha "organización cohesionada e coa man tendida a todas as persoas que teñen a Galicia na cabeza e no corazón" e que ofrece unha "alternativa de futuro para a xente que está decepcionada"."Esta é a casa común do nacionalismo, todos os que queiran traballar por defender Galicia teñen as portas abertas", expresou.

Pontón (BNG) rehúsa falar de En Marea e Anova pero suxire que o BNG 'ofrece a. RADIO GALICIA CADEA SER
Pontón (BNG) rehúsa falar de En Marea e Anova pero suxire que o BNG 'ofrece a. RADIO GALICIA CADEA SER | Fonte: Europa Press

O BNG "EN REMONTADA"

Con todo, na entrevista, Pontón ve ao BNG "en remontada", como demostraría o "incremento de afiliacións" nos últimos meses, con "moita xente que se está incorporando a este proxecto" e cun crecemento que considera que "se vai a notar nas eleccións do 28 de abril". Precisamente, esta semana, e tras filtrarlle o Bloque a La Voz de Galicia que catro militantes de Anova volveran á órbita nacionalista, veteranos nacionalistas criticaron duramente ao BNG por entrar na estratexia da división do nacionalismo.

Coa vista posta nos comicios xerais, o BNG aspira a obter representación no Congreso, despois de que en 2015 quedase fose por primeira vez en 20 anos. Con este obxectivo, pon en valor a necesidade de que Galicia conte con "voz propia no Congreso" para "frear a involución democrática" e para "pór por diante os intereses de Galicia".

Precisamente, ante o papel xogado tanto por En Marea como polos representantes galegos das distintas forzas estatais, sostén que "o trato que se lle deu a Galicia foi de discriminación e de pór atrancos", dixo en alusión a Alcoa e a AP-9.

GOBERNO DE PEDRO SÁNCHEZ, "CONTINUÍSMO"

Ana Pontón mostra a súa decepción co Goberno de Pedro Sánchez. Aínda que defende a moción de censura, puntualiza que o Executivo socialista "non estivo á altura nas cuestións importantes", sen introducir cambios na Lei Mordaza, a LOMCE ou as reformas laborais, con "continuísmo" nas políticas que "discriminan" a Galicia.

Tamén "reta" a Feijóo a debater na TVG de cara ás eleccións xerais, do mesmo xeito que "acudía cando estaba na oposición". "Agora que goberna, Feijóo ten medo a debater ou pensa que a TVG é súa e só pode saír el", suxire.

ALIANZA CON EH BILDU E ERC PARA AS EUROPEAS

No referente á alianza con EH Bildu e Esquerra para as eleccións europeas, defende a necesidade de axuntar forzas para conseguir representación na eurocámara, e enxalza o traballo desenvolvido pola eurodeputada nacionalista Ana Miranda, fronte aos representantes doutras forzas que "os cidadáns non saben nin como se chaman".

"Imos buscar alianzas que nos permitan defender os intereses dos galegos sen ningunha subordinación a ninguén", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 10 comentarios

5 anonimo

Debe ser que o estalinismo é fluorescente porque os millóns de cadáveres que provocou fluorescen

4 anonimo

A todos nos gusta a tarta de améndoa, pero deso non se deduce que o estalinismo nos guste a todos, ou que non esté mais que pasado.

1 lóstrego

Estalinismo fluorescente para unha onomatopeia urxente.

3 André

A casa común de que? Dun partido comunista obsoleto, onde cada vez se parece máis ás CUP, ou semella o Bloque Feminista Galega. Para cando un partido transversal como o SNP? E logo ter nin ter vergonza en ir con Bildu e xa non digamos cos fascistas asturianos de Andecha Astur. Desde logo o meu voto non vai para vós na vida.

2 Gamela

Que abran un consultorio para decepcionados e poñan á fronte ao Doutor Rodríguez para reeducar descarriados... http://www.galiciaconfidencial.com/... Os cidadáns saben moi ben como se chama Lidia Senra (aínda que no BNG coñécena polo alcume "a das vacinas") os cidadáns saben moi ben que os votos dos galegos van para Oriol Junqueras (non van para Ana Miranda!) O BNG ten un problema hai 50 anos que se chama o Virus UPG !

1 BMS

Señora Pontón: se a UPG impón a no BNG a ideoloxía e a simboloxía marxista-leninista, absolutamente minoritaria en Galicia, como vai ser a casa común do nacionalismo? Ata que non entendan vostedes isto, o asuman e permitan que o BNG sexa unha verdadeira fronte transversal, de casa común nada. A xente percíbeo e por iso xa non hai votos.

1 LBS

A CIG tén unha ideoloxía similar e arrasa, como pode ser? Tamén é a casa común dunha maioría de traballadoras/es.+

2 Fran Correa

Tamén o PcE ten a mesma ideoloxía que a UPG, e dalí sairon os seus que controlan desde IU a Podemos. Con todo, tampouco te fíes, pois a CIG proclámase nacionalista e galeguista e os votantes falan castelán... Se cadra o negocio dos partidos e o dos sindicatos, máis descarados aínda, non se corresponde co que predican.

3 lóstrego

De ortodoxia, dogma, azucre e améndoas está feita a tarta de Santiago, e a case que tod@s nos gusta.

4 BMS

Podedes xustificar con andrómenas o que queirades, que a situación é a que é, e eu falaba sobre a realidade fóra da burbulla minoritaria. Hai que alternar máis fóra dela, que a endogamia non vos é moi sana.