Aumentan a 850 as hectáreas que arderon polo incendio de Dodro e Rianxo

O vento complica as tarefas de extinción e as lapas ameazan núcleos habitados. Unha densa nube de fume é visible en toda a ría da Arousa. Vídeo no interior.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2019 | Actualizada ás 11:34

Comparte esta noticia

Medios aéreos comezaron a traballar no incendio iniciado na parroquia de Xoán de Laíño, no municipio de Dodro (A Coruña), que se estendeu ata Rianxo. A Xunta decretou a situación 2 pola proximidade a vivendas no núcleo de Meiquiz, na parroquia rianxeira de Leiro, nun lume que afecta xa 850 hectáreas.

Incendio que comezou en Dodro e se estendeu a Rianxo.
Incendio que comezou en Dodro e se estendeu a Rianxo.

Segundo informa Medio Rural, colaboraron catro avións e sete helicópteros, ademais dos medios terrestres. Pola súa banda, o Goberno informou de que uns 200 efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME) desprazaranse a Galicia --cunha sección dun cento de persoas e outra similar de substitución-- para colaborar nas tarefas de extinción.

O alcalde de Dodro, Valentín Alfonsín, explica que "sen medios aéreos era moi complicado" polo que espera que este reforzo axude ao control do lume.

Polo momento, non hai vivendas en risco, aínda que indica que a zona na que "máis se concentra o lume" é en Leiro, mentres hai "refachos bastantes fortes" de vento que complican as tarefas. Ademais, o incendio obrigou a cortar tanto a estrada nacional como a autovía do Barbanza ata Rianxo.

O lume iniciouse ás 20,09 horas do luns na parroquia de San Xoán de Laíño, en Dodro (A Coruña), tras o que pasou ao municipio de Rianxo. 

DESALOXOS

Debido á intensa fumareda na zona Rianxo, as autoridades decidiron o desaloxo do instituto Félix Muriel como medida de precaución, e unha escola unitaria de Rañó.

O lume tamén cercou en Rianxo unha granxa con 20.000 pitos no lugar de Cabanas, pero os donos da explotación lograron humedecer a zona para atallar o perigo.

A dona da explotación explicou que a Garda Civil, que "teñen experiencia" e "tiñan bastante claro" cal ía ser a traxectoria do lume, aconselloulles por onde humedecer a zona.

Aínda que polo momento "non houbo perigo", si que mostra a súa "preocupación porque hai un depósito de gas e 20.000 pitos", aínda que confía en que non corra perigo, á espera de que non cambie o aire para que non haxa máis problemas.

VENTO

O vento na zona do incendio que afecta os municipios de Dodro e Rianxo mantense nos 30 quilómetros por hora de forma sostida, con algún refacho que superou os 40 quilómetros por hora.

Un portavoz de Meteogalicia explicou que a situación se mantivo nas últimas horas.

A predición di que "o vento non vai cambiar" ata a xornada do mércores e manterase nordés, de intensidade "moderada", con refachos puntuais que poderán superar os 40 quilómetros por hora como ata agora.

Aínda que unha alerta por vento non se activa ata máis de 70 quilómetros/hora, a situación que se vive na zona do incendio provoca que o vento "alimente" as chamas. "É un vento suficientemente intenso para unha situación complicada", explicou este portavoz.

O mércores vai haber unha "melloría", con ventos máis frouxos. O "máis destacado" nesta situación de incendios, son os máis de oito días sen chover que rexistra a zona. Así, hai "pouca humidade", o que "favorece" o "combustible" para a zona.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta