Despoboamento e envellecemento, detrás dos incendios forestais en Galicia

O abandono do rural e a baixa densidade demográfica son as variables socioeconómicas que máis incidencia teñen nos lumes forestais.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/03/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Canto menor é a poboación nunha área, máis risco de incendios forestais existe. Esta é a principal conclusión dun estudo estatístico sobre as variables socieconómicas que poden potenciar a incidencia dos lumes en Galicia.

Lume no cemiterio en Nigrán, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Lume no cemiterio en Nigrán, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

Galicia é a comunidade autónoma con maior número de incendios forestais no século XXI. De acordo cos estudos realizados, os lumes no territorio galego poden estar directamente relacionados cunha mestura de factores socioeconómicos –como o envellecemento poboacional, a baixa densidade demográfica e o baixo desenvolvemento económico– e factores naturais ou ambientais (como a gandería extensiva, áreas abandonadas ou áreas de interface urbano-forestal).

Todos estes factores contribúen a que, ano tras ano, continúen ocorrendo incendios en Galicia, como os acontecidos esta semana, e “as medidas que se tomaron non parecen ser suficientes para un problema desta magnitude”, advirten científicos da Universidad Pontificia Comillas (Madrid), nun estudo que relaciona a vulnerabilidade social e o risco antropoxénico (o causado pola acción humana) de incendios forestais en Galicia.

A situación en Galicia, din os autores, “reforza o obxectivo de investigar a conexión entre as variables socioeconómicas e os incendios forestais en Galicia e, especificamente, pescudar que variables teñen maior peso”.

O obxectivo dos investigadores foi establecer a relación entre os aspectos socioeconómicos que reflicten a realidade dos municipios galegos e o número de incendios forestais que se produciron entre 2001 e 2015, e saber que variables teñen maior incidencia. Para isto, utilizaron técnicas estatísticas para todos os municipios galegos e as catro provincias.

Os científicos tiveron en conta, ademais, que as tempadas de incendios están a alongarse e, en Europa, o norte de España e Portugal son as áreas máis críticas.

Galicia é a zona de España con maior incidencia de incendios. De feito, en certos anos, tanto o número de incendios forestais como as hectáreas queimadas en territorio galego superaron o 50% dos lumes no conxunto de España.

Os autores deste traballo atoparon que as variables socioeconómicas que máis incidencia teñen nos incendios son unha poboación envellecida e unha baixa densidade de poboación. Por isto, consideran que “un maior impacto na mellora da calidade de vida rural nestas áreas predeciblemente alteraría estas variables positivamente na súa relación cos incendios forestais”.

FACTORES DISTINTOS NO NORTE E NO SUR

Con todo, hai variacións entre o norte e o sur  de Galicia. No primeiro, a renda per cápita mostra unha relación negativa co número de incendios forestais, mentres que a poboación maior de 64 anos e o produto interior bruto (PIB) teñen unha relación positiva. Porén, no sur os incendios forestais mostran unha relación negativa coa densidade e o índice de poboación activa, e unha relación positiva coa poboación de máis de 64 anos e o índice de masculinidade de núcleos poboacionais.

“Mentres que no norte, os aspectos económicos deberían ser considerados máis a fondo, no sur, sería necesario profundar nos aspectos sociais e demográficos”, argúen os autores.

En conxunto, “hai máis incendios forestais en contornas de envellecemento da poboación”, o cal se podería explicar polas “tradicións e os hábitos culturais de queimas de terras, un nivel de educación máis baixo e, en particular, unha maior vulnerabilidade”.

Estes territorios tamén presentan un “índice de  masculinidade” máis alto, xa que “houbo un abandono histórico feminino das áreas rurais” e, como resultado, “a densidade de poboación é menor”, apórtase no estudo.

No caso da relación positiva do PIB (maior PIB, significa máis incendios forestais), esta explicaríase pola “existencia dun maior número de núcleos urbanos”, o cal “significa unha maior riqueza do municipio e, en consecuencia, a existencia dunha maior interface urbano-forestal e unha maior probabilidade de incendios forestais”.

“O número de incendios forestais en Galicia ten unha alta relación coas variables socioeconómicas que caracterizan os municipios desta comunidade, xa que os modelos estimados en conxunto son significativos”, sendo a poboación maior de 64 anos “unha das variables máis explicativas dos incendios forestais en Galicia”, xunto coa densidade de poboación, conclúese no estudo.

O estudo, titulado ‘Designing a Model to Display the Relation between Social Vulnerability and Anthropogenic Risk of Wildfires in Galicia’, publicouse na revista científica Urban Science.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 anonimo

O que sexa, pero o monte non arde só. Arde porque lle prenden lume. ¿ E tan difícil decatarse ?

1 Alpinista

Admitamos, estimado e repetitivo vasalo, que o 99% dos incendios son intencionados. Resta unha mínima parte fortuita: unha liña eléctrica (que o Feixoo, a prensa sistémica e o taparrabos esconde), tractores e maquinaria agrícola (que traballan con temperaturas máximas), o tren, un raio, un descuido (queima controlada, barbacoa)... Suficiente! Se o monte está sen coidar, sen limpiar, sen cortafogos e faixas de protección, é abondo para provocar un desastre que se descontrola. E na planificación, na ordenación, no cumprimento e na prevención os políticos teñen responsabilidades (comezando polo PP). E, agora, vai regar cos zapatos castellanos e a mangueira de xardín para salvar a incompetencia do político de turno!