Unha exposición en homenaxe á muller tradicional galega

As traballadoras da Praza de Abastos son as protagonistas dun percorrido de 40 fotografías de Manuel Blanco.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2019 | Actualizada ás 16:18

Comparte esta noticia

A Casa do Cabido de Santiago de Compostela acolle a exposición 'Elas, retrato dun mercado', un percorrido de 40 fotografías de Manuel Blanco coa que se pretende "pór en valor" e render homenaxe á "muller tradicional galega".

A exposición 'Elas, retrato dun mercado' trata de 'pór en valor' e homenaxear
A exposición 'Elas, retrato dun mercado' trata de 'pór en valor' e homenaxear | Fonte: Europa Press

Este martes o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, participou na inauguración da mostra, acompañado polo propio fotógrafo, pola xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández, e pola concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra.

Blanco mostrouse satisfeito por poder presentar unha obra na que traballou desde o ano 2001, coa que busca "pór en valor á muller tradicional galega".

A exposición permite dar visibilidade ao seu "traballo dentro e fóra da casa", xa que ademais de traballar na praza, "traballan a terra, atenden os seus fillos e netos", manifestou Manuel Blanco. "É a miña homenaxe a elas", afirmou.

Martiño Noriega afirmou que, do mesmo xeito que Santiago, "o mercado é un punto de encontro", un lugar "de sensacións, de cheiros, de vida...". O alcalde opinou que "a incidencia que a exposición vai ter na cidade fai xustiza con mulleres bravas e loitadoras, que levan o mundo encima da cabeza".

Tamén destacou o "bo facer" de Manuel Blanco como "cazador de momentos" que dan corpo a unha exposición que o rexedor espera que "sirva como homenaxe e divulgación dunha parte importante da cidade e como reivindicación da cuestión de xénero, que é absolutamente imprescindible".

A exposición, que permanecerá aberta ata principios de maio, poderase visitar entre martes e sábado. Ademais das 40 fotografías, compleméntase cun vídeo con comentarios das protagonistas, e co texto da historiadora Encarna Otero.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta