O militante afín a Pachi Vázquez apartado da lista de Ourense pide a baixa do PSOE

O partido traballa para elixir a un novo candidato á Alcaldía.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2019 | Actualizada ás 16:41

Comparte esta noticia

Óscar Pérez Carral, o militante afín a Pachi Vázquez que figuraba no número 11 da lista do PSOE local para as eleccións municipais do 26 de maio e que foi retirado da candidatura polo Comité Provincial, pediu a baixa do Partido Socialista.

O militante afín a Pachi Vázquez apartado da lista de Ourense polo Comité
O militante afín a Pachi Vázquez apartado da lista de Ourense polo Comité | Fonte: Europa Press

Segundo fontes socialistas, Pérez Carral chegou a ser proposto polo entón candidato socialista á Alcaldía, José Ángel Vázquez Barquero, para ocupar o terceiro posto da súa candidatura, aínda que ao final quedou no número 11.

Con todo, o Comité Provincial celebrado o pasado 9 de marzo, decidiu apartalo da lista xa que, conforme explicou naquel momento o secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino, "non tiña lexitimidade para formar parte da lista do PSOE na cidade", ante "as informacións en prensa que o vinculaban a outra lista", en referencia a Espazo Común, o partido impulsado polo exsocialista Pachi Vázquez.

A baixa de Óscar Pérez Carral prodúcese nun momento no que o PSOE traballa para elixir a un novo candidato á Alcaldía da cidade despois de que o pasado domingo José Ángel Vázquez Barquero fixese pública a súa renuncia por mor dos cambios aprobados pola Comisión Federal de Listas, que acordou incluír á actual edil Concha García no posto catro da lista, en substitución de Juana Ageitos, que pasou a ocupar o décimo posto.

Óscar Pérez era membro da executiva local do PSOE ourensán, na que ocupaba a secretaría de Acción Electoral polo que os socialistas deste municipio deben agora tamén buscar a outra persoa para esta responsabilidade a dous meses dos comicios locais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta