Temas: FRASEOLOXíA

“Escunchar croques”, “tirarlle pola rabo á pega” ou “mirar para dentro”, equivalentes ó castelán “planchar la oreja”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 31/03/2019 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Un dos xeitos de identificar unha frase feita como allea á nosa lingua consiste simplemente en detectar unha voz non galega (ou, noutras palabras, unha voz castelá, xa que esta é a lingua de interferencia practicamente no cen por cento dos casos) que forma parte dela.

O Santo dos Croques, no Pórtico da Gloria
O Santo dos Croques, no Pórtico da Gloria | Fonte: hostelocastelo.com.

Pois ben: a expresión que abordamos hoxe (a castelá *planchar la oreja, ou o seu calco ó galego *planchar a orella) constitúe, precisamente, un destes casos, na medida en que o verbo *planchar (e o mesmo podemos predicar da forma pseudoadaptada *pranchar) está recolleito como vocábulo espurio, e explicitamente condenado, no Dicionario da Real Academia Galega.

Daquela, e unha vez asentado isto, poderiámonos facer a seguinte pregunta: ¿temos de noso, en galego, algunha expresión que forneza o mesmo contido cá referida paremia castelá, que non é outro có de “durmir”? Pois si que temos... e máis dunha, de feito. Así, e unicamente pola nosa banda, temos rexistradas tres, pero é moi probable que existan máis, polo que agradeceriamos calquera información ó respecto. Vexámolas:

Planchar # Aplastar la oreja

{= Durmir.}

Escunchar croques

Escunchar berberechos

Escunchar castañas

Tirarlle polo rabo á pega

Mirar para dentro

Ex.: ¡Cómo no va a estar planchando la oreja toda la mañana, si día tras día llega a casa peneque y casi al alba!

¡Como non vai estar escunchando croques toda a mañáescunchando berberechos ‡ tirándolle polo rabo á pega toda a mañámirando para dentro toda a mañá, se día tras día chega á casa caneco e case ó abrente!

APUNTAMENTO:

Convén lembrar que a acción de tirarlle as engurras á roupa, ou tornala lisa, nomeadamente pasando pola súa superficie o ferro de pasar (isto é, o que se coñece como plancha en castelán, ou tamén como hierro de planchar nalgunha zona hispanofalante, coma en Venezuela), denomínase en galego pasar o ferro, ou mesmo simplemente pasar ou repasar nos contextos en que resulta obvio o seu significado e non dá lugar a anfiboloxía ou ambigüidade de ningún tipo (p. ex.: ¿Xa lle pasaches o ferro á roupa? & ¿Xa pasaches # repasaches a roupa?; ou ¿Onde puxeches a roupa pasada (a ferro) # a roupa repasada?). Así mesmo, en contextos resulta igualmente susceptible de se empregar, tanto para galego coma para castelán, o verbo alisar (¿Xa alisaches roupa?; ¿Onde puxeches a roupa alisada?; Aprendéronme varios trucos para alisar a roupa sen o ferro de pasar).

Por máis abastamento nisto que estamos a comentar, vemos, por exemplo, que no apéndice ó seu dicionario (publicado en 1961) o lexicógrafo Eladio Rodríguez rexistrou a voz pasadura en Cangas do Morrazo; voz que tamén recolle no Grove, con este mesmo significado de “acción de pasar la plancha”, o profesor Constantino García no seu Glosario de voces galegas de hoxe, publicado en 1985.

NOTAS:

1. Polo que atangue á expresión escunchar croques (ou tamén esconchar croques), cabe dicir que a voz croque é moi probable que non presente ningún dos significados que se recollen no DRAG, en ningunha das súas dúas entradas:

Croque1 [►para todas as acepcións, sinónimo: coque1]: substantivo masculino 1. Golpe leve na cabeza. Levou un croque ao tropezar contra a columna. Confróntese: pote, trucada, truque, turrada. 2. Vulto que sobresae como consecuencia dun golpe. Saíulle un croque na testa. Sinónimos: carolo, pote. [ESTA SEGUNDA ACEPCIÓN SERÍA A CORRESPONDENTE Á VOZ *CHICHÓN DO CASTELÁN.]

Croque2 [►para todas as acepcións, sinónimos: abeluria, baloco, borleta, dedaleira, estalote, estraloque, milicroque, sanxoán]: substantivo masculino 1. (Digitalis purpurea) Planta silvestre da familia das escrofulariáceas, de talo ergueito, follas basais e inflorescencia de ata trinta centímetros de alto con numerosas flores con forma de alferga, coa corola de cor púrpura ou rosada e interior branco punteado de vermello. Un valado cheo de croques. Sinónimo: dixital. 2. Flor desta planta. Os rapaces collían croques para estalalos.

Xa que logo, parece que non di alá moi ben o significado de escunchar arrimado ó de croque, entendendo croque con calquera das acepcións que acabamos de ver. Mais se temos en conta que a expresión escunchar croques está rexistrada pola zona de Bueu, e que nesa bisbarra, segundo recollen algúns lexicógrafos (véxase o Dicionario de Dicionarios da Lingua Galega), se lles chama croques ó que noutras partes coñecemos como berberechos, a conxunción dos referidos verbo e complemento directo xa colle xeito, cando menos no seu sentido recto. De feito, tamén temos recolleita a expresión escunchar berberechos co mesmo significado.

Outra cousa é a motivación ou relación da referida expresión (así como tamén da de tirarlle polo rabo á pega) co significado de durmir, que nós descoñecemos. Pola contra, si que resulta moito máis obvia e transparente a relación de mirar para dentro con durmir, polo que é escusado engadir nada a respecto dela.

2. Lembremos, así mesmo, que a voz pega se pronuncia con “e” pechado e vén a denominar a ave que en castelán se coñece como urraca (Pica pica), así como tamén, formando locución substantiva cos adxectivos marxa, marza ou rebordá (isto é, baixo as formas pega marxa, pega marza ou pega rebordá), para denominar a ave que en castelán se denomina arrendajo.

Pega (DRAG): substantivo feminino (Pica pica) Paxaro da familia dos córvidos, que presenta cor branca no ventre, costados e extremos das ás e o resto do corpo negro con irisacións verdes, azuis ou moradas, ou outros tons máis escuros en todo o corpo. A pega é moi común en toda Galicia. Sinónimo: pega rabilonga. [NESTA ACEPCIÓN CORRESPÓNDESE CO CASTELÁN URRACA.] ►frases e expresións con pega: • Pega marxa (Garrulus glandarius) Paxaro da familia dos córvidos, de cor parda con tons azuis, brancos e negros nas ás, rabadilla branca, rabo negro e carapucha riscada de branco e negro. A pega marxa cría nas árbores. Sinónimos: gaio, pega marza, pega rebordá. [NESTA ACEPCIÓN CORRESPÓNDESE CO CASTELÁN ARRENDAJO.] • Pega marza Pega marxa. A pega marza aliméntase de pequenos insectos, landras etc. • Pega rabilonga Pega. As pegas rabilongas andaban comendo nas sementes. • Pega rebordá Pega marxa. Oímos o berro dunha pega rebordá.

3. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Guerra Otero, Pilar: Así falan en Trasar (1 e 2). Obra á que se pode acceder, a través de Internet, nos enderezos seguintes:

https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/datos/1296813709/contido/Galego/exercicios/pilar11.html

https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/datos/1296813709/contido/Galego/exercicios/pilar2.htm

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “120 locucións verbais galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 373-386. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- VV.AA.: Unha maré de palabras (Contribución ao léxico do Morrazo). Xunta de Galicia–Museo Massó, 2005.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Xosé

En Lousame é común o uso de croques ao falar do berberecho. Miña sogra de 90 anos lembra “escunchar croques ou castañas” por durmir.

1 xoséant.pena

OK. Graciñas pola información. Apuntámolo.