Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/03/2019 | Actualizada ás 14:03
En Marea presentou unha denuncia ante a Xunta Electoral Central contra a Xunta por "divulgación de propaganda indebida en época preelectoral". En concreto, o partido instrumental entende que a publicación na web do Goberno galego dunha campaña de "logros e proxectos" en materia turística constitúe un incumprimento da regulación en período de campaña.
Segundo recolle un comunicado emitido este mércores, a dirección de En Marea que encabeza Luís Villares cre que a campaña, titulada 'Xuntos estamos construindo a mellor Galicia para visitar, que é tamén a mellor para vivir', ten como obxectivo "encomiar os logros do PP en materia turística e de creación de emprego".
Deste xeito, sinala que esta campaña e a súa publicación na páxina web institucional do Goberno galego vulnera o artigo 50.2 da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREG), así como a instrución emitida o pasado 4 de marzo pola JEC sobre as consecuencias da simultaneidade das eleccións xerais cos comicios locais, europeos e autonómicos convocados para un mes despois.
Así as cousas, tras censurar o "afán propagandístico" do Goberno galego que lidera o popular Alberto Núñez Feijóo, En Marea solicita que dita campaña sexa "prohibida" durante o período electoral e que a JEC "adopte as medidas sancionadoras prevista na LOREG".
A Xunta leva licitados xa no que vai de ano case 16 millóns de euros en campañas publicitarias nos grandes medios de comunicación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.