Gómez-Reino reclama "outra" política para a prevención de incendios e denuncia o "abandono" do rural

O candidato de En Común-Unidas Podemos declarou que "non se pode permitir que Ence sexa quen marque a política forestal" en referencia á fábrica de celulosa de Pontevedra.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 27/03/2019 | Actualizada ás 15:09

Comparte esta noticia

O candidato ao Congreso de En Común-Unidas Podemos, Antón Gómez-Reino, criticou o "abandono" do medio rural e avogou por traballar cara a "outra" política de prevención de riscos de incendios, tras o último gran incendio que arrasou centos de hectáreas na comarca do Barbanza.

Nunha rolda de prensa celebrada este mércores, Gómez- Reino denunciou que case dous anos despois dos incendios que cercaron a cidade de Vigo "a política de prevención de incendios segue igual". Na súa opinión, "non se traballa" neste ámbito.

"O clima está a cambiar pero o fundamental é a política forestal, onde temos un problema", asegurou Gómez-Reino. "Non pode permitirse que Ence sexa quen marque a política forestal", engadiu en referencia á fábrica de celulosa de Pontevedra.

MODIFICACIÓN LEI DO SOLO

Por iso, neste contexto, Gómez-Reino avanzou unha das propostas electorais de En Común-Unidas Podemos. En concreto, sinalou que se chegan a participar no Goberno porán en marcha a modificación da Lei de Chan para "impedir que se poida construír nos terreos que foron queimados de maneira intencionada" e así evitar a "especulación urbanística", tal e como o definiu.

Así mesmo, á marxe deste asunto, Gómez-Reino indicou que na precampaña electoral "hai que falar de política" e, por iso, fixo un chamamento aos medios de comunicación públicos para organizar debates electorais, á vez que emprazou ás forzas políticas a participar nos mesmos.

Antón Gómez-Reino. EN MAREA - Arquivo
Antón Gómez-Reino. EN MAREA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta