Algúns efectos dunha seca prolongada sobre o sector gandeiro e agrícola

A seca ten como consencuencia que os alimentos poden encarecerse debido á escaseza. A auga sofre restriccións. A agricultura e a gandería non poderían afrontrar, en moitos casos, a suba de prezos en alimento para o gando e irrigación de terras, por poñer algúns exemplos.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/03/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O inverno que deixamos atrás non estivo dentro dos parámetros considerados “habituais” para esta estación do ano. Así se desprende do informe Balance Estacional Inverno (2018-2019). As conclusións deste documento da Consellería de Medio Ambiente son que o inverno foi seco considerando o meses de decembro de 2018 a febreiro de 2019, “resultou seco, cunha porcentaxe de precipitación dun 27 % inferior ao valor normal para esta estación do ano. O valor medio de precipitación para o conxunto de Galicia cunha serie composta de dezaseis estacións meteorolóxicas representativas foi de 323 L/m2”. Medio Ambiente fixo este documento en base a táboas comparativas entre os invernos que van de 1981 a 2010.

Explotación gandeira
Explotación gandeira | Fonte: Arquivo Galicia Confidencial

O mesmo informe de Medio Ambiente debulla o pasado inverno da seguinte maneira. Decembro resultou seco, “aínda que nalgúns lugares os valores acumulados achéganse á normalidade”. “Neste mes o período de chuvia máis intenso foi entre as xornadas do 12 ao 18”, o resto tivo precipitacións moi escasas.  A anomalía media obtida, a porcentaxe por debaixo das precipitacións consideradas normais, “a partir de dezaseis estacións representativas, foi dun 32 % por debaixo do normal” Sobre xaneiro “acumuláronse valores de precipitación que adoitan ser normais nesta época do ano”. A porcentaxe de precipitación “respecto ao período de referencia 1981-2010 estivo un 0.5 % por debaixo da media”.

O inverno rematou cun mes de febreiro en xeral seco. “O predominio de situacións anticiclónicas, coas altas presións situadas ao norte da península Ibérica, explican este déficit de precipitación. Só cabe destacar a primeira xornada do mes cun forte temporal do noroeste, nos que houbo chuvascos frecuentes, de intensidade moderada a forte e ademais acompañados de sarabia e aparato eléctrico”.

Sobre o rexistro de temperaturas neste pasado inverno, “a estación de inverno, en canto as temperaturas máximas, foi moi cálida, cunha anomalía de +1.24 ºC, mentres que as temperaturas mínimas foron normais para a época do ano. Como resultado disto, a temperatura media de inverno, cun valor de 9.2 ºC para a serie representativa de Galicia, pode considerarse cálida, cunha anomalía de +0.73 ºC”.

A SECA E A ALIMENTACIÓN DO GANDO

Sobre a capacidade para alimentar as cabezas de gando neste ano, Isabel Vilalba do Sindicato Labrego Galego di que  “de cara mediados de abril podíamos ter un ensilado de forraxe importante, que é a base da alimentación para todo o ano, mais nestes momentos o acumulado pode estar un 40% por debaixo do que sería o habitual”. A redución de almacenamento de forraxes tería que suplirse comprando ese alimento para o gando e a consencuencia sería o aumento dos custes da produción. “Isto é algo moi importante, pois moitos dos produtos que vendemos levan anos cos prezos estancados” di Vilalba.

“Se continúa sen chover, os problemas serán moi grandes, pois o que está sementado perderase e o que estea para sementar será difícil que vaia para adiante” di Juan Carlos López de Unións Agrarias (UU AA). “Para un gandeiro sería moito peor, porque se agora mesmo non hai auga abondo para que rebroten os pastos poderiamos ter problemas moi serios”. López destaca que para a substitución do pasto non queda outra que “comprar forraxe, que é a ruina para todo o sector gandeiro, sobre todo o extensivo en zonas de montaña, cousa que se fixo entre xullo de 2017 ata abril do ano 2018, foi a ruina que trouxo endebedamentos e nalgúns casos o peche de explotacións”. “A gandería extensiva de carne  non ten poder adquisitivo para mercar a forraxe cando escasea alimento para o gando” di López. “O certo é que confiamos en que isto se amañe nos vindeiros meses e penso que non hai que poñerse tremendista”.

“Existen unhas centrais de compra que logo venden ás casas comerciais, mesmo a cooperativas, moitos deses produtos son de importación” sinala Vilalba. En 2011 a asociación Amigos da Terra fixera un estudo sobre o transporte dos produtos para consumo agrario. “Parece ser que a media de quilómetros percorridos polas importacións é de 3.000 km, desde Latinoamérica un mesmo países do Leste”. O estudo apunta que as distancias, como é obvio, incrementan os prezos polo combustible usado, o aluguer do transporte e a almacenaxe. Ademais diso, está a pegada ecolóxica que deixa o consumo de combustibles.

CULTIVOS

A tipoloxía dos cultivos inflúe no rendemento dos mesmos. “Agora mesmo aínda se estarían cultivando algúns produtos de horta agora en abril e maio”. Isabel Vilalba pensa que polo de agora “é cedo para facer balance porque vai depender do que pase nos meses que veñen”. Non obstante si que é consciente de que “pola pluviometría que temos, non abundan os sistemas de regadío fóra de zonas como A Limia ou partes da Terra Chá, a maioría do territorio non ten sistema de regadío e por tanto fainos dependentes das precipitacións”.

“É preocupante todo este tempo sen chover,  é certo que o caudal dos ríos é menor que noutros anos, máis as fontes de auga están permitindo levar adiante as tarefas de semente” di Juan Carlos López. “Hai un adianto na floración, como pasou no 2017, que foi un ano horrible, pero se chovese en abril e maio solucionaríase a cuestión”. 

AFRONTAR OS PERÍODOS DE SECA

O sector agrario ten moi pouca capacidade para trasladar os incrementos dos custes de produción á venda dos nosos produtos” di Isabel Vilalba. “Moitas veces isto significa que podes quedar sen a túa marxe de beneficio e o incremento nos custes de produción e así verte na obriga de vender a perdas”. O prezo moitas veces non reflicte o incremento real dos custes para producir. “Iso pode levar a que non podas vivir dos teus ingresos e como moi grave, o peche dalgunha explotación agraria ou gandeira” di Vilalba.

Tamén Juan Carlos López ve que a venda dos produtos gandeiros non abondaría para cubrir gastos extra en caso dunha seca prolongada. “En UU AA levamos tempo falando dun pagamento que un gandeiro fai por un servizo medioambiental, a sociedade non ten problema en recoñecer dúas cousas do gandeiros de cercanía, teñen un produto de calidade e fan un servizo medioambiental impagable e imprescindible”.  Ese pagamento tería que ser reinvestido desde a sociedade para os agricultores e gandeiros.

“Hai xente que apunta aos períodos prolongados de seca, como de precipitacións moi abundantes con campos anegados e xeadas moi fortes, como os primeiros signos do cambio climático” di Vilalba. “Que se fai en Galicia? Pois nada. Aquí o que deberiamos estar mirando métodos de cultivos e variedades para adaptarnos aos cambios, mais a investigación actual no sector agrario e gandeiro é deficitaria, moitas veces esa investigación está desconectada da realidade dos propios produtores” apunta Isabel Vilalba que denuncia tamén a falta de diálogo entre investigación, administración e produtores e produtoras, elemento importante para afrontar mellor os perigos dun cambio radical nas condicións climáticas de cara a produción agraria e gandeira.

A estimación de cara unha primavera seca fai temer que tanto gandería como agricultura sufran perdas. Polo de agora os sindicatos agrarios esperan acontecementos de cara a un cambio no tempo. Mais con todo, en caso de afrontar unha seca prolongada, os gandeiros e agricultores estarían en risco de ou ben hipotecarse para custes extra ou, no peor dos casos, o peche das explotacións. Mentres, desde o seu parecer, o desenvolvemento de novas técnicas para cultivo e gandería non parecen saír adiante. Por outra banda, aínda que melloransen os prezos dos produtos agrarios, a sociedade tamén vería como a seca faría subir os prezos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta