A recollida de plásticos agrícolas, outra vez no punto de mira

A comisión de agricultura do Parlamento aprobou por unanimidade unha petición á Xunta para que estude a tomar medidas de "colaboración cos concellos", xa que o campo galego xera unhas 7.700 toneladas anuais deste tipo de residuos

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/03/2019 | Actualizada ás 15:05

Comparte esta noticia

A comisión de agricultura do Parlamento aprobou por unanimidade unha petición á Xunta para que estude a implantación de medidas para "colaborar cos concellos" na recollida e transporte dos plásticos de orixe agrícola.

A iniciativa, que partiu de En Marea, saíu adiante co apoio de todos os grupos tras sufrir modificacións na súa redacción. Deste xeito, tamén demanda unha campaña de concienciación entre gandeiros e agricultores "para aumentar o volume de plástico que se está recollendo e para a súa adecuada xestión".

A Xunta tiña un plan para a recollida e tratamento dos miles de toneladas de plástico agrícola que xera ao ano Galicia. En abril do pasado ano transcendeu que estaba sen sacar a concurso desde decembro de 2017 o seu servizo de xestión, que inclúe o seu transporte e valorización. O Goberno galego recoñecía entón un problema ambiental pola "práctica habitual da vertedura ou da incineración de forma incontrolada", segundo recollía a web do sistema de recollida de residuos da comunidade, á que se accede a través da páxina da consellería.

De acordo cos datos que manexa a Xunta desde hai anos, o campo galego xera unhas 7.700 toneladas anuais de plásticos agrícolas, das que 4.800 son de silo, 900 de invernadoiro e 2.000 de bolsas para silo. Aínda sen ter a magnitude que presenta no sur da Península, debido á expansión dos invernadoiros nesa zona, o problema dos plásticos agrícolas foi obxecto de atención por parte dos executivos galegos desde hai anos.

Plásticos ciscados nun punto de recollida oficial en Abadín
Plásticos ciscados nun punto de recollida oficial en Abadín | Fonte: PSdG

MODERNIZAR AS EXPLOTACIÓNS

Por outro lado, o Parlamento galego aprobou  outras dúas iniciativas, unha do PSOE e outra do PP, para demandar medidas que aposten pola modernización das estruturas produtivas e as explotacións galegas.

A primeira, do PSOE, insta á Xunta a apostar pola modernización das estruturas produtivas agrarias e gandeiras, cun seguimento "público e verificable" no relativo aos seus resultados anuais. A finalidade é medir a consecución do obxectivo da incorporación da mocidade ao mercado laboral galego para facilitar a substitución xeracional.

A segunda, do PP, busca que a Xunta "continúe fomentando" a modernización das granxas mediante a introdución de novas solucións tecnolóxicas, a través do fomento e posta en común do coñecemento, a innovación e a dixitalización nas zonas agrícolas, gandeiras e do rural de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta