Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 28/03/2019 | Actualizada ás 16:11
Axentes da Policía Nacional da Comisaría Provincial de Pontevedra detiveron dous mozos arousáns por remitir cocaína camuflada en envíos de paquetería; un deles enviábaa e o outro recibíaa.
Segundo informou a Policía Nacional, efectivos da Comisaría de Pontevedra finalizaron unha investigación que se iniciou semanas antes en base a informacións obtidas grazas á colaboración cidadá. Supostamente, segundo o relato policial, un mozo de Vilagarcía de Arousa "poderíase estar a dedicar ao tráfico de estupefacientes, cocaína, a pequena escala, efectuando envíos da sustancia a través da paquetería ordinaria".
Unha vez comprobada a información recibida, os axentes localizaron varios envíos recibidos por este individuo ao longo dos últimos meses "baixo unha cobertura supostamente legal", indicou a Policía. Así, a finais do mes de marzo, tivo lugar un novo envío que foi interceptado polos axentes policiais, que comprobaron que "oculto no interior dun pequeno paquete viaxaba a cocaína, que foi inmediatamente intervida por parte dos axentes policiais", concretaron as mesmas fontes.
A última fase da investigación consistiu na localización e detención tanto do receptor da droga, que posteriormente distribuía polo miúdo entre os seus propios clientes, como do individuo que levaba a cabo os envíos, que se facía pasar por outra persoa.
Ambos mozos son naturais da comarca do Salnés, aínda que o receptor da sustancia estupefaciente actualmente ten o seu domicilio en Madrid, desde onde se facía cargo dos envíos para a súa posterior distribución a pequena escala, concretou a Policía Nacional.
Por estes feitos tramitouse o correspondente atestado policial, que foi remitido ao xulgado de garda de Vilagarcía de Arousa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.