Directiva europea de copyright, o control sobre a creación en Internet?

O martes 26 de marzo aprobábase a nova directiva europea sobre dereitos de autor en Internet. Para os usuarios e creadores de contidos, unha maneira de censurar e cortar a libertade de expresión na rede. Para os impulsores da directiva, unha maneira de protexer os dereitos de autor.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/03/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A principal novidade que aportaba Internet era a “democratización” do coñecemento entre as persoas que puideran conectarse. Así, determinada información que antes só era accesible de maneira parcial, agora existía a posibilidade de acceso case infinito. Facíao achegando os coñecementos acumulados en bibliotecas, arquivos, etc., que case sempre eran innacesibles para a inmensa maioría.

Europarlamento, o Parlamento Europeo en Bruxelas
Europarlamento, o Parlamento Europeo en Bruxelas | Fonte: Arquivo Galicia Confidencial

O carácter aberto da Internet, ou Rede, fixo que se puidesen compartir tanto textos como ideas libremente. Iso implicou que moitos e moitas empresarias, creadoras e persoas vinculadas aos diferentes campos científicos e creativos, entendesen que o seu traballo estaba sendo usado “sen permiso” e sobre todo, ese uso non lles estaba xerando ingresos.

DIRECTIVA EUROPEA

A cantidade de material compartido en Internet e sobre todo en canles como Youtube e outras, fixo tomar nota sobre todo ás grandes produtoras e creadoras de contidos, tanto informativos como de entretemento. O que non querían permitir era o uso de producións para seren visionados ou escoitados ou baixados sen o seu permiso e sen os seus correspondentes pagamentos por dereitos de autor.

Nun principio así debera ser para a maioría de persoas usuarias da rede, Internet nacera para acceder libremente ao coñecemento. Entón, por que había que pagar dereitos de autor? Non existen fórmulas que permiten ter beneficios a quen pide regular o acceso pola Rede? Houbo bandas como Radiohead ou Coldplay que venderon discos baixándoos de Internet, as vendas non lles foron tan mal. Grupos galegos permiten baixar tamén os seus traballos que tamén teñen editados en disco, CD e noutros formatos.

POR QUE?

A  UE, presionada polos lobbies das grandes produtoras e corporacións audiovisuais, segundo fontes relacionadas coa difusión libre na Rede,  quere establecer unhas regras para responder a intereses deses lobbies. Ata agora a lexislación que empregada para algúns contidos da Internet era a directiva da UE para e-commerce de 2001. Esta directiva en España era aplicada pola Ley de Servicios de la Información. Mais a  nova proposta podería cambiar todo o panorama.

O debate, segundo fontes da Wikimedia España, está polarizado entre editores e xestores de dereitos de autoría por unha banda, defensores da remuneración aos creadores. Por outra parte as grandes plataformas, que era o espectro que a UE quería regulamentar. As grandes plataformas eran, segundo a Unión Europea, as que sacan beneficio na Rede como Google, Facebook e as demais RR SS.

Un exemplo

“Mais no medio do debate quedamos as organizacións sen ánimo de lucro, proxectos voluntarios e plataformas pequenas sen ánimo de lucro, e tamén os creadores, porque a directiva non defende a remuneración xusta dos creadores” din desde Wikimedia. Curiosamente, búscase regular grandes plataformas que non son europeas e non hai unha clara intención de que os e as autoras reciban unha remuneración acaída.

Os movementos contrarios á directiva europea pedían retirar sobre todo o artigo 13 que limitaba a subir contidos. Finalmente acabou aprobada logo de negociacións entre grupos políticos do Parlamento europeo. “Todo estaba moi axustado, non sabiamos moi ben que ía pasar, porque ademais, non se aprobou votar enmendas á lei por unha diferenza de só cinco votos” di Virginia Díez, de Wikimedia España. “Tamén houbo parlamentarios que dicían que se non se retiraban os artigos 11 e 13, que agora son o 15 e o 17, votarían en contra” di Díez.

É dicir, houbo un cambio dentro do articulado da directiva para que unha maioría de parlamentarios puidesen votar a favor. “Finalmente a diferenza foi sustanciosa, 348 votos a favor, 274 en contra e entre 36 e 37 abstencións”. “O  resultado é que a directiva sae para adiante completa, sen enmendas e con todas as medidas que non nos parece que teñan a ver tanto coa xestión de dereitos de autor e que poñen en perigo o acceso libre ao coñecemento”.

QUE PASARÁ?

“O obxectivo do artigo 15, antes 11, é o control da difusión de noticias na rede, estaba dirixido a “agregadores” de noticias” sinala Díez. “Realmente o artigo 15 terá unha aplicación moito máis ampla, así calquer contido relacionado con noticias estará suxeito a unha licenza, o que si permitirá a directiva será compartir “extractos moi curtos” pero non queda claro que é un extracto curto” sinala Virginia Díez.

Como exemplo do anterior, a Wikipedia é unha enciclopedia online políglota e aberta, que iniciou o seu percorrido en 2001. É unha fonte secundaria de coñecemento que usa a cita doutras fontes para os seus artigos. “Todo o que  citamos ten que ser verificable, porque é o servizo que nós ofrecemos e que a xente tamén nos pide sobre verificabilidade e calidade dos contidos”. É dicir, as citas da Wikipedia para apoiar os seus contidos “non sabemos se se considerará un extracto curto ou se poderemos seguir ofrecendo ese tipo de información”.

Outro problema e non só para Wikipedia, senón para as páxinas semellantes á mesma e para as canles de Youtube, etc, usar referencias, textos longos para apoiar os seus contidos, será a partir de agora algo incerto. Será máis difícil buscar fontes para referenciar os datos.

Un elemento tamén preocupante é que estamos diante dunha directiva, é dicir, dunha norma que a UE “aconsella” aplicar aos estados membros. Isto significa que cada estado poderá aplicar a directiva, adaptala á súa lexislación libremente. Por tanto, a incerteza sobre como aplicará o Estado español a directiva da UE é o que máis preocupa a día de hoxe aos creadores de contido libre que usan referencias doutras autorías. A adaptación terá que facerse en dous anos, cada país farao segundo os seus propios parámetros e isto equivale a que, se un editor dunha web de contido libre edita en España pero usa fontes francesas, estaría baixo dúas lexislacións diferentes.

A aplicación do artigo 17 da directiva, antes artigo 13, implementará a creación de filtros capaces de frear a subida de contidos. Quen terá e aplicará estes filtros? As grandes plataformas e terán a última palabra en decidir se un contido sube ou non. Ao final terán poder de decisión sobre ao que queiramos acceder. Mesmo diante da máis mínima dúbida por unha posible sanción, bloquearán o contido. Calquera contido será sospeitoso ata que se poda demostrar o contrario.

APAGÓN GALIPEDIA

A Galipedia, a Wikipedia en galego, apagou os seus servizos ata o día mesmo da votación, 26 de marzo. “Buscan facer máis duras as condicións para subir contidos a Internet, quererían conculcar o feito de subir certos contidos” di Elisardo Juncal, da Galipedia. E as consecuencias serían “que Internet sexa máis pobre pero implica ademais haxa menos fontes e menos calidade de contidos”.

Desde a comunidade galega da Wikipedia as sospeitas son que “están tentando introducir este tipo de controis para despois cobrar taxas ás webs que utilicen eses temas e iso significa un atraso, xa o intentaron facer hai uns anos en Alemania impoñendo unha taxa a Google e logo viron que estaban perdendo visitas nas súas webs de noticias” di Juncal.

“A idea que teñen é aplicar unha taxa pola reutilización, mais realmente o dereito de cita sempre existiu e non houbo problema ata o de agora”. Isto é, citar nun libro non tería unha imposición dependendo da cantidade de contido, pero subir unha cita á rede directamente xeraría o pagamento dunha taxa.

Creadores e creadoras de contidos en soportes como Youtube, e agora Wikipedia tiveron conversas sobre o futuro dos contidos na rede. As conversas foron lentas, mais agora coas eleccións europeas xa aí e coa posibilidade de cambios na cámara europea, a votación da nova directiva acelerou ao máximo e o resultado xa está aí.

A última pregunta. Quen pagaría as sancións? En principio as plataformas, pero os creadores de contidos agora tamén serían sancionados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 GalegON

Moi interesante o artigo. A que nos vén enriba aos creadores de contidos na rede e aos que teñan que poñer filtros de contidos e non vaian sobrados de pasta...