Ratificada a condena de máis de tres anos de cárcere a catro persoas por traficar droga en Narón

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) considerou acreditado que dous dos imputados viaxaron desde Palencia a un polígono de Narón para adquirir heroína aos outros dous condenados.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/03/2019 | Actualizada ás 11:24

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ditou sentenza na que desestima o recurso de apelación interposto por catro condenados pola sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña a tres anos e catro meses de cárcere por un delito contra a saúde pública por tráfico de droga no concello coruñés de Narón.

Segundo a sentenza do alto tribunal galego os feitos remóntanse a marzo de 2018, cando dous dos condenados, unha parella de 36 e 29 anos e con antecedentes penais tamén por outro delito contra a saúde pública, viaxaron desde Palencia ao polígono Río do Pozo de Narón, "coa finalidade de adquirir heroína e vendela a terceiros".

Previamente contactaran cos outros dous condenados, un home de 56 anos e o seu fillo de 31, ambos con antecedentes por outro delito contra a saúde pública. Esa noite a policía detivo á parella e achou no seu coche, ocultos en botes de cosméticos, "diferentes bolsitas con sustancias estupefacientes que lles entregaron os outros dous condenados".

O TSXG, do mesmo xeito que a Audiencia, considerou acreditado que dous dos imputados desprazáronse desde Palencia a un polígono de Narón para adquirir heroína aos outros dous condenados.

Así mesmo, ademais dos máis de tres anos de prisión, a Audiencia Provincial tamén os condenou a unha multa de 70.000 euros a cada un deles, así como ao pago das costas. Contra a sentenza do TSXG cabe interpor recurso de casación ante a Sala Segunda do tribunal Supremo.

Sede TSXG. Europa Press - Archivo
Sede TSXG. Europa Press - Archivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta