Unha ruta teatralizada percorrerá Pontevedra este domingo para mostrar a represión franquista sufrida por mulleres

A ruta busca concienciar sobre "que foi a nosa veciñanza, as xeracións que precederon ás familias coas que convivimos, a que sufriu o terror deste tempo que, porque nunca debeu ser, non podemos esquecer".

Por E.P. | PONTEVEDRA | 31/03/2019 | Actualizada ás 10:05

Comparte esta noticia

O concello de Pontevedra acolle este domingo a iniciativa 'Rúas con memoria', unha ruta teatralizada que ten como obxectivo dar a coñecer a represión sufrida por mulleres pontevedresas tras o golpe de estado do 36. As escenificacións serán nas rúas da cidade do Lérez onde ocorreron os feitos que se relatan, nunha ruta que percorrerá as principais formas que adoptou a represión franquista sobre as mulleres.

Así, falará das asasinadas, das presas, das que sufriron castigos sexistas e, sobre todo, "das que quedaron", precisou, das mulleres que se viron "obrigadas a seguir adiante convivindo cos represores", cos seus abusos, cos seus espolios e coa súa historia "tinguida de odio", e a pesar diso "resistiron, sacaron adiante ás súas familias e teceron importantes redes de solidariedade", asegurou o edil Luís Bará na presentación da ruta.

Esta iniciativa está dirixida a persoas maiores de 12 anos e celébrase este domingo, con saída ás 19,00 horas da Deputación de Pontevedra. Hai un límite de 50 prazas e necesítase inscrición na dirección patrimoniocultural@pontevedra.eu.

'Rúas con memoria' forma parte do programa 'A memoria das mulleres' e é un proxecto colectivo liderado pola Concellaría de Patrimonio Histórico no que colaboran a aula Municipal de Teatro, a aula de Teatro CIM-Pontevedra, Vos de Algures, Avelaíña Teatro, Mulleres Solimán e a aula Teatral do IES Sánchez Cantón. O proxecto está dirixido por Anxo Lourido e guionizado por Montse Fajardo.

A intención é compartir todo este contido con novos formatos, explorando as posibilidades do teatro e tamén do cómic e o audiovisual, así como na páxina web www.dogrisaovioleta.gal. A ruta busca concienciar sobre "que foi a nosa veciñanza, as xeracións que precederon ás familias coas que convivimos, a que sufriu o terror deste tempo que, porque nunca debeu ser, non podemos esquecer", explicou. A actividade sacará á luz o nome e a biografía dalgunhas das pontevedresas que sufriron a represión franquista, coa pretensión de homenaxear a todas as que o programa rescatou do esquecemento e tamén a aquelas que aínda quedan "na escuridade da historia", concluíu.

Mulleres rapadas na Guerra Civil española nun lugar sen identificar
Mulleres rapadas na Guerra Civil española nun lugar sen identificar | Fonte: Arquivo Galicia Confidencial

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta