Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 01/04/2019 | Actualizada ás 14:00
A epidemia da obesidade avanza inexorablemente. Os últimos datos indican que un terzo da poboación en España xa é obesa. Unha situación que os científicos cualifican de “alarmante”. Así o reflicte unha nova achega do estudo IBERICAN (Identificación da poboación española de risco cardiovascular e renal) da Sociedad Española de Médicos de Atención Primaria (SEMERGEN).
O novo estudo ten como investigador principal a Sergio Cinza Sanjurjo, médico de familia no Centro de Saúde de Porto do Son e director da Axencia de Investigación de SEMERGEN, e tamén está asinado, entre outros especialistas, polo doutor Rafael Vidal Pérez, cardiólogo no Hospital Universitario Lucus Augusti (Lugo).
Os datos do estudo sinalan que a prevalencia da obesidade en España segue aumentando e é “alarmante”, xa que alcanza o 35,7% dos pacientes asistidos en Atención Primaria, con predominio nos pacientes anciáns, no medio rural e entre a poboación de baixo nivel de estudos e poder adquisitivo inferior.
Trátase dun dos maiores estudos que se teñen feito en España, cunha mostra de 5.013 individuos de 18 a 85 anos nas consultas de Atención Primaria nas diferentes comunidades autónomas de España, en contornas urbanas, semiurbanas e rurais.
A prevalencia de obesidade é do 35,7%, aumentando ao 36,6% en homes e baixando ao 34,9% en mulleres. Entre os obesos, o 23,4% presenta obesidade de tipo I ou moderada, o 7,1% de tipo II ou grave, o 2,4% de tipo III ou mórbida, e o 2,7% de tipo IV ou extrema.
A poboación de obesos presenta unha maior coexistencia de factores de risco cardiovascular en comparación cos non obesos e maior incidencia de enfermidades cardiovasculares.
Os obesos presentan, respecto aos non obesos, maior prevalencia de hipertensión arterial, dislipidemia, sedentarismo, diabetes mellitus, hiperuricemia, lesión subclínica de órgano e enfermidade cardiovascular.
Comprobouse, ademais, que a variables asociadas coa obesidade son: hipertensión arterial, hiperuricemia, sedentarismo, diabetes mellitus, idade, baixo nivel educativo e menor consumo de tabaco.
A obesidade está particularmente presente no rango de maiores de 65 anos, tanto en homes como en mulleres. De feito, a idade é a variable que parece ser máis importante e confirmouse unha maior prevalencia de obesidade en maiores de 40 anos fronte á poboación máis nova, de 18 a 40 anos.
Tamén se constatou maior porcentaxe de obesos no medio rural e en pacientes sen estudos ou con estudos primarios e con menores rendas anuais, sendo o nivel educativo e o nivel económico factores determinantes.
Observouse que os pacientes de clase social e nivel educativo máis baixos presentan maior taxa de obesidade, talvez porque, entre outros factores, “a inxesta de alimentos ricos en graxas aumenta a sensación de saciedade e son máis baratos”.
PROXECTO IBERICAN
O proxecto de investigación máis importante sobre morbimortalidade en España, o estudo IBERICAN superou xa os 8.000 participantes, unha cifra nunca vista nun estudo de investigación no ámbito da Atención Primaria.
A través de IBERICAN estase a obter a fotografía da situación actual da enfermidade cardiovascular –primeira causa de mortalidade en España– e dos factores de risco cardiovasculares.
Os científicos alertan de que “a obesidade está a experimentar un crecemento moi rápido, especialmente entre a poboación nova, e converteuse nun serio problema en saúde pública a nivel mundial”, de tal maneira que pode ser “categorizada como epidemia”.
Nos últimos 30 anos, a prevalencia mundial de obesidade duplicouse e, no caso de España, Galicia é, canda Asturias, a comunidade máis obesa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.