Os convocantes da folga en primaria urxen tratar "cinco puntos irrenunciables" e o SERGAS di que non hai tempo

Apuntan que "non van ser o tres últimos días de mobilización social" se non se abordan nunha mesa de diálogo co Sergas. Desde a Xerencia do SERGAS din que as reivindicacións son "inconcretas e xerais".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/04/2019 | Actualizada ás 18:11

Comparte esta noticia

A Coordinadora Galega de Atención Primaria urxiu este luns unha "mesa de diálogo" ao Sergas para abordar "cinco puntos irrenunciables" para poder desconvocar a folga fixada para os días 9,10 e 11 de abril, na que esperan "un gran respaldo" dos profesionais. En rolda de prensa, un dos portavoces da Coordinadora, Xosé María Dios, que compareceu acompañado de tres representantes dos sindicatos que convocan a folga e doutros membros da entidade, advertiu de que soamente desconvocarán os paros se se abre unha mesa para negociar "un novo modelo de Atención Primaria".

Os seu cinco puntos fundaméntanos en "dúas liñas vermellas": "revogar as EOXIs" e un aumento progresivo do orzamento para primarira, que "é a base para acabar coa precariedade", abundou Manuel Martín, outro dos membros da Coordinadora. Neste sentido,  apuntan que "non van ser o tres últimos días de mobilización social" se non se abordan nunha mesa de diálogo co Sergas os cincos puntos que presentan. Os convocantes da folga para os días 9, 10 e 11 de abril centran, en concreto, as súas reivindicacións en cinco puntos que pasan por un aumento de orzamento progresivo para este nivel asistencial, a recuperación das xerencias de Atención Primaria, un incremento de persoal, terminar coa precariedade e "solucionar o conflito" dos Puntos de Atención Continuada (PAC).

A representante de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, incidiu en que chegan a esta situación polo "desmantelamento absoluto" da Atención Primaria por parte do goberno do PP, ao que reprochou a "perda de profesionais". "Non se pode dar unha asistencia de calidade sen profesionais", sentenciou Abuín, para engadir que a Consellería de Sanidade "ten que recoñecer o fracaso da súa política e crear unha mesa de diálogo" para "recuperar o consenso".

Folga AP. COORDINADORA GALEGA DE ATENCIÓN PRIMARIA.
Folga AP. COORDINADORA GALEGA DE ATENCIÓN PRIMARIA. | Fonte: Europa Press

DEZ MINUTOS

Niso tamén coincidiu Emilia Lamas de CC.OO., que lamentou que "este conflito xa se vía vir" e insistiu en que "a Atención Primaria está en loita", nivel asistencial para o que reiterou a necesidade de "investimento" e "tempo de consulta digno, como mínimo dez minutos" por paciente. Pola súa banda, Javier Martínez de UGT criticou que "cada vez vai a peor" e "ninguén implementa ningún tipo de medida". Por iso, sumouse á reivindicación de cambios e máis orzamento a abordar nunha mesa de diálogo "que deseñe a Atención Primaria do futuro".

Mentres, o portavoz da sociedade científica Agamfec, Jesús Sueiro, reiterou o "problema serio" nas consultas médicas. "Sen a colaboración de todos e sen ese traballo en equipo non podemos salvar a Atención Primaria", concluíu. Sueiro puntualizou que na actualidade en Galicia destínase un 12% do orzamento para este nivel asistencial, polo que piden ata un 25% da partida total da sanidade pública en catro anos. "Estamos a metade de camiño", afirmou.

Sobre as 175 medidas expostas pola Consellería de Sanidade a curto, medio e longo prazo para mellorar a Atención Primaria, Sueiro incidiu en que "non hai medidas concretas" e séguese "sen o fundamental". "A Atención Primaria ten que ter un orzamento blindado e non se pode dirixir desde un hospital". "Non necesitamos 150 medidas, senón o cinco irrenunciables", sentenciou Xosé María Dios.

CONCENTRACIÓN

No marco das xornadas de folga, avanzaron, á espera de que o comité de folga constituído este luns convoque outros actos, unha concentración o día 11 ás 12,00 horas na Praza do Obradoiro na que irán vestidos con roupa de traballo e darán "voltas ao quilómetro cero da praza". A folga desenvolverase, segundo exponse no texto da convocatoria, desde as 8,00 horas do 9 de abril de 2019 ata as 8,00 horas do día 12 do mesmo mes.

A mobilización abarca a todo o persoal, incluído o residente, de todas as categorías que prestan os seus servizos nos centros de saúde e nos Puntos de Atención Continuada do Sergas, excepto ao que xa está en folga indefinida na PAC. Os portavoces da Coordinadora aseguraron que "non se pretende molestar" aos usuarios do sistema sanitario e consideraron que estes "van entender" que os profesionais "estean en folga". "Está a exporse a necesidade de acabar coa precariedade e marxinación da Atención Primaria", sostiveron. "Non vai quedar xente sen atender", garantiron.

POUCO TEMPO E REIVINDICACIÓNS INCONCRETAS E XERAIS

O xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, lamentou este luns o "tempo de negociación moi reducido" para poder negociar as reivindicacións dos convocantes da folga en Atención Primaria os días 9, 10 e 11 de abril, que reduciu a "temas inconcretos e xerais" . "O tempo de negociación é moi reducido", manifestou  o xerente do Sergas, quen resaltou que presentar a convocatoria o último día de prazo "xera unha certa dúbida de se hai vontade de diálogo". "Convócase o último día co obxecto de non deixar moito prazo para negociar nada", lamentou.

Preguntado sobre se o Sergas ten previsto crear esa mesa de diálogo que reivindican, o xerente destacou que "están a falar con moitas entidades" para abordar a reforma de Atención Primaria en Galicia. "O proceso é bastante fluído e participativo", insistiu. No entanto, indicou que primeiro teñen que abordar co comité de folga os servizos mínimos da folga e "despois as reivindicacións" que, ao seu xuízo, "son inconcretas e xerais". "Teñen un rumbo político claro", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta