O BNG propón á Comisión Europea a creación en Galicia dunha Axencia dos Océanos

A eurodeputada Ana Miranda pide a creación dun organismo europeo que coordine distintos áreas como pesca, investigación, protección do medio ambiente e xestión de costas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/04/2019 | Actualizada ás 20:04

Comparte esta noticia

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, pediu á Comisión Europea a creación dun organismo europeo de xestión dos océanos que coordine distintos aspectos como pesca, investigación, protección do medio ambiente e xestión de costas. Con esta proposta faise eco de varias reflexións manifestadas na conferencia celebrada no Parlamento europeo o pasado 19 de marzo sobre a importancia dos océanos.

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, na Eurocámara. BNG - Arquivo
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, na Eurocámara. BNG - Arquivo | Fonte: Europa Press

A eurodeputada do Bloque asegurou que a localización desta Axencia Europea dos Océanos podería ser a cidade de Vigo pola súa "posición de referente intermodal" nos temas mariños como, segundo indicou, "reflícteo a boa noticia" da elección da cidade para acoller un cume sobre a planificación espacial mariña, que se celebrará do 12 ao 15 de maio.+

Ana Miranda afirma que xa que a sede da Axencia Europea de Control da Pesca está en Vigo, así como distintos organismos centrados na investigación, a cidade olívica sería "unha excelente opción" para unha futura Axencia Europea dos Océanos similar á que xa existe en Estados Unidos.

Para a eurodeputada resultan "indiscutibles" os beneficios que para Vigo e Galicia tería este organismo ao converter a cidade en "faro europeo da xestión e investigación oceánica". Ademais, conforme sinalou, permitiría profundar na investigación e na xestión mariña e suporía novas oportunidades laborais e empresariais, ao contar coa posibilidade de desenvolver e implantar novas tecnoloxías mariñas e de innovación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta