A gran empresa de eucalipto de Portugal comeza a estenderse por Galicia

The Navigator Company anuncia que xa arrendou montes e anda a procura de grandes propietarios que lles vendan ou que prante eucalipto. Un interese que coincide coa posibilidade de que Ence cese as súas actividades na ría de Pontevedra. Actualmente, o 25% da madeira galega acaba no país veciño. Unha madeira que acaba, principalmente, no negocio da celulosa

Por Xurxo Salgado | Compostela | 01/04/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A gran empresa portuguesa da madeira, The Navigator Company,  está decidida a entrar de cheo no mercado galego. Os anuncios que fixo o pasado ano xa se comezaron a cumprir. Anteriormente coñecida como Grupo Portucel Soporcel,  esta madeireira adquiriu xa superficies e busca grandes plantacións para nutrir as súas industrias portuguesas.

Madeira para ser procesada
Madeira para ser procesada | Fonte: CiTIUS.

A reforma portuguesa da lei forestal recolle a prohibición de plantacións de eucalipto até o ano 2030 e só outorgará permisos en casos de "transplantes de áreas que están ecoloxicamente mal localizadas e que non son economicamente rendibles".  Estas restricións levaron ao gran xigante portugués da pasta de papel a "ollar para outras fontes de floresta e de madeira fóra de Portugal, diferentes das que hoxe utiliza”. 

Por iso, Navigator procurou en Galicia e en Andalucía alternativas ás restricións portuguesas á área destinada á plantación de eucaliptos. “Aquí mesmo ao carón, en España, encontramos dúas rexións estratéxicas para a adquisición de madeira: Galiza e Andalucía”, revela o informe de contas de 2018 de Navigator, que será presentado na asemblea-xeral da empresa a vindeira semana.

“Por se situar a unha gran proximidade e presentar características, en termos de terreos forestais moi semellantes ao Norte de Portugal, a Galiza foi pioneira, en 2018, dun proxecto específico” explica. Un proxecto que semella que funcionou e que a empresa quere acrecentar. A nova política da empresa coincide, ademais, coa posibilidade de que empresa Ence deixe de operar en Pontevedra.

E ese semella un momento ideal para The Navigator Company cunha estratexia segue en liña cos obxectivos trazados en 2017, cando o grupo divulgou a intención de explotar máis terras en Galicia e menos en Portugal debido ás restricións á plantación de eucaliptos decretadas en Portugal. Esta empresa xestiona, en territorio portugués, un total de 110 mil hectáreas de bosque. Na presentación dos resultados, o grupo engadiu que pretende “arrendar novas esplotacións a propietarios que opten por non xestionar, eles propios, os seus terreos”.

Plantación de eucaliptos
Plantación de eucaliptos | Fonte: AXM

POLÉMICA

De feito, os plans da empresa portuguesa xeraron gran polémica e preocupación en Galicia gando se deron a coñecer o pasado ano, debido, sobre todo, ao gran movemento que comeza a coller forza en Galicia en contra da eucaliptización do país.

A aprobación da modificación da normativa que regula a realización de cortas de madeira por parte da Consellaría de Medio Rural provocou grandes críticas entre diferentes sectores. En Marea e BNG opuxeronse radicalmente e entidades como a Asemblea contra a Eucaliptización denunciou que a Xunta acelerou os permisos de cortas de eucaliptos para favorecer a multinacionais, nomeadamente, as que están asentadas en Portugal.

NEGOCIO DA MADEIRA

A industria portuguesa que usa madeira na súa produción continúa a ser a mellor clienta do sector en Galicia. Actualmente, o 25% da madeira galega acaba no país veciño. Unhas exportacións que van a máis.  No primeiro semestre do 2017, as exportacións creceron 7,2%. Portugal é o primeiro destino das exportacións galegas, con case un cuarto do total exportado. Logo está Francia (10,8%), Alemaña (8,2%), Polonia (5,5%), Holanda (5,3%), Reino Unido (5,1%), Italia (4,7%), Marrocos (4,7%), Turquía (4,2%) e, finalmente, Irlanda (2,7%).

En Galicia, o sector forestal supón xa o 3,5% do PIB e nel traballan preto de 3.000  empresas que aseguran aproximadamente 80.000 empregos e xeraron en 2017 un total de 600 millóns de negou. Un sector que a Xunta anuncia que crecerá co novo Plan Forestal que prevé unha nova ordenación do monte á que se opoñen os partidos da oposición.

E a onde vai a madeira galega?. A maior parte dela para a industria da celulosa xa que o gran mercado portugués dos mobles está en crise. E, mentres, o crecemento da industria da celulosa no país luso está xa por riba do 10%. 

PROCESOS CONTRA THE NAVIGATOR COMPANY

A empresa lusa afronta un proceso xudicial contr a súa filial Portucel Mozambique por prexuízos de máis de 50 millóns de dólares naquel país. Desde 2009 a empresa portuguesa desenvolve naquela rexión un megaproxecto forestal de 2.500 millóns de dólares (cerca de 2.200 millóns de euros) de plantación de eucalipto ao longo de cerca de 360 mil hectáreas. 

Unha das plantas de tratamento de papel que The Navigator Company ten en portugal
Unha das plantas de tratamento de papel que The Navigator Company ten en portugal | Fonte: mundopapel.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta