Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/04/2019 | Actualizada ás 15:24
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publicou este martes no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se fai pública a inclusión no Catálogo galego de Árbores Senlleiras dunha magnolia grandiflora localizada en Lestedo, no concello coruñés de Boqueixón. Coa incorporación deste novo exemplar, situado nunha parcela de propiedade privada no lugar da Picota, o número de elementos que integran este censo elévase ata 189, dos cales 151 son árbores e 38 formacións pertencentes a 80 especies distintas.
A magnolia de Lestedo foi seleccionada polas súas "destacables dimensións", xa que ten un total de 20 metros de altura e de 4,15 metros de perímetro normal.
O tronco desta árbore atópase "en moi bo estado de saúde e de conservación" e a proxección da súa copa ten máis de 300 metros cadrados de superficie.
Existen xa tres exemplares desta especie dentro do catálogo, cunhas dimensións similares a esta árbore, unha situada en Santa Rita (Narón, A Coruña), outra en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) e outra tamén en Boqueixón.
Pontevedra é a provincia galega con máis elementos neste catálogo, con 62 exemplares, seguida da Coruña, con 57, mentres que Lugo (41) e Ourense (29) pechan a clasificación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.