Confirman a nulidade do nomeamento dunha sobriña de Fraga para un posto na oficina do Valedor do Pobo

O Tribunal Supremo impón ao Valedor do Pobo as costas procesuais, ata unha cifra máxima de todos os conceptos de 2.000 euros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/04/2019 | Actualizada ás 12:08

Comparte esta noticia

O Tribunal Supremo rexeitou o recurso interposto polo Valedor do Pobo á sentenza que anulou o nomeamento de María Puy Fraga, sobriña do expresidente Manuel Fraga e irmá do portavoz parlamentario do PPdeG, para un posto na defensoría galega, do que foi apartada pola titular da institución, Milagros Otero, tras coñecerse o primeiro fallo xudicial.

A Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estimou o recurso dun dos participantes no proceso de selección, por sistema de libre designación, do posto de xefe de servizo de Administración e Persoal, que recaeu nesta persoa, coa que Otero garda relación.

O alto tribunal galego considerou probado que a valedora influíu no proceso para que o posto recaese en María Puy Fraga, filla do catedrático de Dereito do que é discípula académica Otero, quen, segundo o TSXG, actuou con "arbitrariedade" e cometeu un "desvío de poder".

Tras coñecerse o fallo xudicial en xuño de 2018, Milagros Otero revogou o nomeamento de María Puy Fraga para executar de forma inmediata a sentenza, que posteriormente foi recorrida. Ademais, compareceu o 5 de xullo no Parlamento de Galicia, onde se desvinculou do nomeamento, anulado por "desvío de poder". "O adxunto asinou o recibín coa resolución de abstención, na que se menciona a consecuencia legal diso, é dicir, que era el quen debía resolver sobre o asunto", argumentou en sede parlamentaria.

Deste xeito, defendeu que ela se "abstivo", aínda non sendo preceptivo neste caso, de participar no procedemento, aínda que o fixo unha vez definidos os criterios da convocatoria e de que se presentasen os candidatos. Tamén sinalou ao seu adxunto, Pablo Cameselle, nome proposto polo PSOE para ese posto, como a persoa que resolveu o proceso.

Milagros Otero dixo, en sede parlamentaria, que na resolución de abstención "non especificou a causa concreta, debido a que consideraba que era de público coñecemento que é discípula académica do pai dunha das persoas que concorría".

O fallo do Supremo, con data do 28 de marzo deste ano, inadmite a trámite o recurso prsentado polo Valedor do Pobo por "carencia de interese casacional, sen que se aprecie en ele scrito de preparación a formulación dun problema xurídico que transcenda do cariz marcadamente casuístico que presenta o litixio". Impón ao Valedor do Pobo as costas procesuais, ata unha cifra máxima de todos os conceptos de 2.000 euros en favor da parte recorrida e personada.

Milagros Otero, valedora do Pobo, no Parlamento debate sobre o seu cesamento. EUROPA PRESS - Arquivo
Milagros Otero, valedora do Pobo, no Parlamento debate sobre o seu cesamento. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 anonimo

E aínda non dimitíu?

1 Courelois

Non dimitiu a de Chantada e vai dimitir esta que ten aínda menos vergoña...