Asaltos a casas a cambio de droga

O grupo criminal detido por 82 roubos en vivendas de Pontevedra e Lugo vendía os obxectos subtraídos para comprar droga.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/04/2019 | Actualizada ás 13:59

Comparte esta noticia

Os sete detidos dun grupo criminal, implicados en polo menos 82 roubos en vivendas nas provincias de Pontevedra e Lugo, eran veciños fundamentalmente da zona de Caldas de Reis e arredores de entre 18 e 33 anos que contaban con antecedentes. Trátase dun grupo moi activo, os seus membros son "deliencuentes habituais" e a maioríaa conta cun "ampllo currículo de antecedentes". Os mozos, seis homes e unha muller, intercambiaban os obxectos subtraídos por droga para autoconsumo e para a súa venda posterior

Obxectos incautados pola Garda Civil dentro da operación 'Espá'. SUBDELEGACIÓN DO GOBERNO DE PONTEVEDRA
Obxectos incautados pola Garda Civil dentro da operación 'Espá'. SUBDELEGACIÓN DO GOBERNO DE PONTEVEDRA | Fonte: Europa Press

Así o informou a Garda Civil este mércores, nun acto realizado no cuartel de Lalín, no que tamén participou a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, quen transmitiu o seu recoñecemento e apoio ao traballo das forzas de seguridade e, especialmente, do cuartel da localidade.

A operación desenvolvida pola Garda Civil de Lalín materializouse o 1 de abril, tras varios rexistros en vivendas de localidades da Coruña e Pontevedra e concluíu coa detención de 7 persoas. As investigacións iniciáronse ante a proliferación dos delitos contra o patrimonio que se produciron, fundamentalmente, nas comarcas de Deza e Tabeiros-Terra de Montes (Pontevedra).

O OPERATIVO 'ESPÁ'

O operativo, denominado 'Espá', comezou por mor dun roubo cometido no Hotel Balneario de Guitiriz (Lugo), no que os detidos levaron quads, remolques e ata paus de golf, aínda que a maior parte dos roubos foron cometidos na comarca do Umia, en localidades como Caldas de Reis, Portas, Barro ou Silleda.

Tratábase sobre todo de roubos con forza en vivendas, galpóns ou anexos, segundo explicou Manuel Touceda, xefe da Garda Civil de Pontevedra. Os implicados levaban calquera cousa que puidesen vender, desde diñeiro e xoias ata rozadoras ou electrodomésticos. Mesmo, ata o cable de telefonía, que "queimaban para sacar máis diñeiro" co cobre que contiña e "comprar cocaína", tanto para autoconsumo como para traficar posteriormente.

Os efectos subtraídos publicitábanos en Internet e vendíanllos tamén a persoas próximas ás súas contornas, coa finalidade de conseguir diñeiro fácil. Nun dos rexistros confiscáronse dous envoltorios con algo máis de 20 gramos de cocaína e preto de 30 gramos de haxix.

ACUSADOS DE SEIS DELITOS 

Acúsaselles dos delitos de roubo con violencia, roubo con forza, furto, extorsión, ameazas e grupo criminal. Un dos detidos quedou en liberdade en sede policial, coa obrigación de comparecer no xulgado cando o citen e os outros seis teñen que pasar a disposición do Xulgado de 1ª Instancia e Instrución 1 de Vilalba (Lugo) durante este mércores. Un deles estaba en procura e captura polo que previsiblemente, segundo indicou a Garda Civil, ingresará en prisión.

O xefe do grupo criminal xa estivo implicado, con outro grupo diferente, nun roubo cometido nun domicilio no que amordazaron con bridas a unha persoa, investigado no marco da Operación Dumbrava. Ademais das detencións e a incautación de varios vehículos, as forzas de seguridade tamén recuperaron ferramentas, electrodomésticos e outros efectivos, con valor ao redor de 60.000 euros, así como televisións ou tres quads.

A Garda Civil animou aos cidadáns que sufrisen algún tipo de roubo a acudir aos cuarteis, no que están depositados os efectos subtraídos, para que se poida tentar esclarecer algún feito máis. "Felicitar e apoiar á Garda Civil, especialmente ao cuartel de Lalín, e que a cidadanía vexa que a súa seguridade está moi ben custodiada polos efectivos e forzas de seguridade do Estado", destacou a subdelegada do Goberno, Maica Larriba.

A investigación continúa aberta para pescudar a identidade dos propietarios dalgúns obxectos intervidos cuxa procedencia se descoñece, co que poderían incrementarse a cantidade de feitos delituosos esclarecidos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta