Arquivan a investigación contra dous cargos da Xunta por supostas coaccións inmobiliarias en Ourense

O Xulgado de Instrución número 2 de Ourense acordou o sobresemento provisional e arquivo da causa na que se investigaba a dous cargos da Xunta pola presunta comisión dun delito de coaccións inmobiliarias a unha nonagenaria residente no edificio da antiga Cámara da Propiedade Urbana da cidade das Burgas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/04/2019 | Actualizada ás 16:59

Comparte esta noticia

O Xulgado de Instrución número 2 de Ourense acordou o sobresemento provisional e arquivo da causa na que se investigaba a dous cargos da Xunta pola presunta comisión dun delito de coaccións inmobiliarias a unha nonagenaria residente no edificio da antiga Cámara da Propiedade Urbana da cidade das Burgas.

En concreto, o maxistrado indica no auto que non advirte un ánimo "admonitorio ou coactivo suficiente para integrar o tipo penal", máis aló de "a intención recoñecida da Consellería de Facenda de recuperar a posesión do inmoble" no ámbito dun plan xeral de racionalización do patrimonio inmobiliario e "non de forma caprichosa ou intencionada".

Para iso, destaca que o outro inquilino do edificio ao que Facenda tamén remitiu comunicacións manifestou que "nunca" se sentiu "coaccionado ou forzado" para que desaloxase a vivenda. Entre outras cuestións, o xulgado tivo en conta o "amplo lapso temporal", de máis de "cinco anos", no que a Xunta enviou os requirimentos de desaloxo á denunciante

A XUNTA "DESCOIDOU O MANTEMENTO"

O instrutor recoñece, no entanto, que a Xunta "descoidou de forma notoria e continuada no tempo os labores de mantemento do edificio, como é o caso da limpeza de zonas comúns ou mantemento básico". Tamén aprecia "unha certa demora á hora de acometer a reparación do ascensor do edifico", que se mantivo estragado entre xaneiro e novembro de 2018.

Con todo, atribúe estes comportamentos a "unha conduta omisiva ou de desidia institucional, sen que conste unha supresión de tales servizos acordada expresamente". "Non cabe senón empatizar coa denunciante cando relata a situación de abandono institucional, as dificultades para acceder á súa vivenda con motivo da avaría do ascensor ou a sucidade que presentan as zonas comúns do edificio. Agora ben, o que non se advirte é uns mínimos indicios de intencionalidade na conduta dos concretos querelados tendente a propiciar de forma voluntaria coas súas resolucións ou actos concretos unha situación de fustrigación ou acoso á inquilina para forzala a abandonar o inmoble", apunta o instrutor. Contra o auto cabe presentar recurso de reforma e subsidiario de apelación.

Na súa denuncia, do 28 de setembro de 2018, o fiscal xefe acusaba a ambos os cargos da Xunta de tentar presionar a dous inquilinos do edificio da antiga Cámara da Propiedade Urbana de Ourense, situado na Avenida da Habana e de titularidade da Administración galega, para que desaloxasen as súas vivendas, "non substituíndose a iluminación" ou "non realizando o mantemento do ascensor", tras a negativa do Xulgado de Primeira Instancia Número 2 de Ourense e da Audiencia Provincial de Ourense á súa petición de desafiuzamento.

TSXG
TSXG | Fonte: Arquivo Galicia Confidencial

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta