O alumnado do Punta Candieira en Cedeira claman contra a "censura" da exposición poética do centro

A Biblioteca Escolar do centro, impulsora da mostra retirada, agradeceu todas as mostras de apoio recibidas a través das redes sociais, entre elas de escritores como Carlos Negro ou Margarita Ledo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/04/2019 | Actualizada ás 17:50

Comparte esta noticia

A polémica pola retirada dunha exposición de poemas de alumnos da Punta Candieira de Cedeira (A Coruña) parece lonxe de remitir. Os alumnos participantes no taller no que se realizaron os textos están a protagonizar unha serie de protestas durante os recreos e as súas accións están a ser apoiadas con numerosas mostras de apoio nas redes sociais e entre algunha formación política.

Tanto o martes como este mércores os estudantes protagonizaron sentadas e accións reivindicativas, vestindo de negro, e portando pancartas nas que se lían lemas como 'Cansa de protestar por esta merda', ou 'A liberdade de expresión é dicir ou que a xente non quere oir', entre cánticos contra a censura e pola liberdade de expresión. A Biblioteca Escolar do centro, impulsora da mostra retirada, agradeceu todas as mostras de apoio recibidas a través das redes sociais, entre elas de escritores como Carlos Negro (colaborador do taller de poemas no que participaron os alumnos) ou Margarita Ledo.

A exposición poética estaba conformada por textos de alumnos de 4º de ESO realizados nun taller literario, a partir dunha proposta do propio Carlos Negro, e que os estudantes realizaron desde a súa propia creatividade. O equipo da biblioteca decidiu publicar estas pezas para celebrar o Día Internacional da Poesía, o pasado 21 de marzo, enchendo os corredores, as paredes e as escaleiras do centro das composicións impulsadas polos alumnos.

A polémica xurdiu tras unha queixa anónima dalgúns membros do claustro sobre un dos poemas, de corte irónico e escrito por varias alumnas, que incluía versos como 'odio todo o que empezo por odio', 'odio a España', 'odio a tauromaquia', 'odio a violencia', 'odio o acoso'. A exposición, finalmente, foi retirada do centro, provocando un intenso rexeitamento entre os profesores ao cargo da biblioteca e dos propios alumnos. A Consellería de Educación asegura que "non se deu instrución" para a retirada da exposición, senón que se puxo en coñecemento da Inspección "a existencia dun texto que fomenta o sentimento de odio, algo que non ten cabida nun centro educativo". Desde a biblioteca, con todo, aseguran que o xefe territorial da Consellería de Educación, Indalecio Cabana, trasladou a orde de retirar a exposición con urxencia e inmediatez á dirección do IES.

CHEGARÁ AO PARLAMENTO

O caso da censura da exposición da Punta Candieira chegou ao sector político e mesmo traspasou o territorio galego, chegando a diversos medios de comunicación nacionais. A CIG-Ensino foi das primeiras entidades en criticar esta situación, denunciando que o "autoritarismo" e o uso "indebido da xerarquía funcional" da administración sen utilizar "ningún escrito", senón "chamadas telefónicas con instrucións claras para censurar a liberdade de expresión".

Así mesmo, Olalla Rodil, do BNG, avanzou a través da súa conta de Twitter que esta formación levará o caso ante o Parlamento galego, ante esta "inadmisible" a vulneración do dereito á liberdade de expresión. "É inadmisible a vulneración do dereito á liberdade de expresión. A censura non é educativa, senón unha mostra da involución democrática".

Os alumnos. BIBLIOTECA IES PUNTA CAIDEIRA DE CEDEIRA
Os alumnos. BIBLIOTECA IES PUNTA CAIDEIRA DE CEDEIRA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta